Pazos de Borbén celebra o domingo a XIV Festa da Cacheira
O Concello de Pazos de Borbén celebra este domingo a XIV Festa da Cacheira. A cita gastronómica máis popular do municipio, e unha das festas culinarias máis consolidadas do inverno en Pontevedra, na que se servirán unhas 3.000 porcións de cabeza do porco acompañada con chourizo e grelos. Para elaborar os pratos cociñaranse máis de 1000 quilos de cabeza de porco, 900 de grelos e 250 de chourizo.
A celebración comezará ás once da mañá coas actuacións da charanga “Vai de baile” e o trío “D ´ Joselito”. Arredor da unha do mediodía terá lugar o clásico pregón, que este ano correrá a cargo dos humoristas da televisión de Galicia, Mucha e Nucha. Pola tarde continuará a festa con diversas actuacións, animación musical e atraccións inchables para os máis pequenos. Como novidade este ano súmanse á celebración os membros do Club 600 Arcade, que expoñerán os seus vehículos na praza do Concello dende primeiras horas da mañá.
Para maior comodidade dos asistentes e ante as previsións meteorolóxicas, este ano a festa celebrarase no pavillón de deportes municipal. A “cacheira” ou “cachucha” servirase como manda a tradición: cocida e en rebandas, con acompañamento de chourizo e grelos. Un manxar que a maior parte dos asistentes regarán con viño tinto. Como en anteriores edicións, o prato poderase degustar no recinto da festa ou levalo para consumir na casa un prezo máis económico.
Tradición
A festa da cacheira débese a unha antiga tradición existente en Pazos de Borbén, pola que se conmemoraba o día de San Amaro comendo cacheira. O afán por contar cunha festa gastronómica propia de todo o municipio levou ao Concello a abandeirar a posta en marcha desta celebración, que catorce anos despois se converteu en todo un referente no calendario gastronómico da provincia.