publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ethel Vázquez participa na liberación do lobo mariño Celeiro nun chamamento ao mantemento da biodiversidade no mar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoViveiro
A-
A+
Ethel Vázquez na liberación de "Celeiro"

Ethel Vázquez na liberación de “Celeiro”

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou o papel clave da colaboración entre a Xunta de Galicia e as entidades ecoloxistas, como a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), no mantemento da biodiversidade mariña.

Vázquez puxo de relevo a liberación do lobo mariño Celeiro, desde Viveiro, cara ás augas irlandesas do Gran Sol, como exemplo desa imprescindible colaboración entre administracións para facer posible a recuperación e coidado deste tipo de animais que aparecen ocasionalmente nas costas galegas.

A conselleira, xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado; e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, participaron neste acto no porto de Celeiro, desde onde saíu o pesqueiro Rodríguez Parapar levando a bordo o animal recuperado nese peirao a comezos de xaneiro.

Trátase dun lobo mariño cincento que foi recollido e recuperado grazas á rede de varamentos da Xunta de Galicia que, coa colaboración da asociación sen ánimo de lucro CEMMA, se encarga de recuperar os mamíferos mariños que aparecen nas costas galegas sen capacidade para continuar a súa viaxe.

A Rede de Varamentos, que depende da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, ten por obxecto o seguimento e monitorización poboacional dos cetáceos e o desenvolvemento da rede de asistencia aos varamentos de mamíferos e réptiles mariños en Galicia.

A través desta rede devólvense ao seu medio cada ano arredor de 30 exemplares recuperados e rehabilitados.

Recuperación de Celeiro

O pasado 6 de xaneiro apareceu este lobo mariño cincento no porto de Celeiro. Presentaba un cadro de grande esgotamento, así como feridas na boca e costado,causadas por un palangre. Con estes síntomas, o animal, que se negaba a regresar ao mar foi ingresado na Unidade de Coidados Intensivos de Lobos Mariños de Ferrol, situada nas instalacións da sección de Mamíferos Mariños da Sociedade Galega de Historia Natural.

O tratamento consistiu, nunha primeira fase, na eliminación preventiva de parasitos e outras patoloxías crónicas de baixa intensidade, sobre todo pulmonares ás que estes animais son moi vulnerables. A segunda fase consistiu na exercitación nunha piscina e adestramento de alimentación en mergullo.

 

23 de febreiro de 2015 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.