publicidade hoxe

O Concello de Cedeira dá o protagonismo ao público infantil na programación cultural do Auditorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O Concello de Cedeira, a través da Concellería de Cultura, dirixe ao público infantil as súas propostas culturais para as próximas semanas. E é que no que resta de mes, o Auditorio Municipal acollerá teatro e contacontos para os máis pequenos da casa. Así será o domingo, 18 de xaneiro, coa representación de “Carapuchiña no faiado”, a cargo de Teatro del Andamio; o domingo 25, cos “Contos de Animalario” da compañía Daboapipa, e o domingo 1 de febreiro, cos “Contos de sobremesa” de Pablísimo.

En todos os casos, as funcións darán comezo ás seis e media da tarde, con entradas a 2,5 euros. Deste xeito, “Carapuchiña no faiado” narra a historia de Lora e unha actriz que suben ao faiado para facer unha limpeza xeral, aínda que en cada rincón agóchanse unha morea de sorpresas. E, cando nun baúl atopan a Carapuchiña vermella, comeza o xogo. Historias de sempre que pasan de xeración en xeración e, ás veces, convírtense nalgo único e irrepetible. A obra está interpretada por Gema Ulloa e Nacho Martín, baixo a dirección de Tatiana Likhacheva. Pola súa banda, a compañía Daboapipa, integrada por Vero Rilo e Santi Prieto, ofrecerán os seus “Contos de Animalario”, dirixidos a nenos e nenas de dous a seis anos e ás familias. Propoñen unha viaxe polos montes, prados e camiños máis verdes, chea de encontros cos animais máis marabillosos e cantigas de hai anos e non tantos.

Durante corenta minutos, música en directo e palabra únense para crear un universo máxico a través desta parella artística. Por último, Pablísimo achegará a Cedeira os seus “Contos de sobremesa”. Un contacontos para nenos de tres a nove anos que lles amosará a incrible cantidade de historias que caben sobre unha mesa. Un espectáculo de narración oral, teatro de obxectos e bonecos baseado en lendas, fábulas, contos populares e contemporáneos.

12 de xaneiro de 2015 | 12:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.