publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Transfírese a prol do Concello de Crecente un treito da estrada Salvaterra-Filgueira no núcleo de Rebordechán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCrecenteLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se autoriza o cambio de titularidade dun treito antigo da estrada Salvaterra-Filgueira (PO-400), ao seu paso polo núcleo de Rebordechán, a prol do Concello de Crecente. A entrega dos bens quedará totalmente formalizada no prazo de dous meses á data de hoxe, día no que se publica o decreto no DOG.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, unha vez emitidos todos os informes necesarios e avaliadas as condicións desta solicitude realizada polo Concello de Crecente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito antigo da PO-400 Salvaterra-Filgueira que conecta coa PO-400 no seu p.q 37+020 e no seu p.q. 37+630, cunha lonxitude de 766 metros.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O Concello de Crecente, a partir da formalización da entrega, deberá asumir todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos sobrantes, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular dos terreos.

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013 do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Crecente deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire o presente decreto. Así mesmo, deberá levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficiais correspondentes para regularizar a titularidade do terreo adxacente obxecto de cesión.

12 de decembro de 2014 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.