publicidade hoxe

O Polígono de San Cibrao obtén 132.600 euros en axudas para melloras viarias e televixilancia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseSan Cibrao das Viñas
A-
A+
Ángel Bernardo na visita ao polígono de San Cibrao

Ángel Bernardo na visita ao polígono de San Cibrao

O Polígono de San Cibrao das Viñas viviu hoxe unha xornada dobremente relacionada co ámbito da seguridade, durante a visita realizada polo director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, quen detallou as actuacións a executar dentro do plan da Xunta de Galicia para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais da comunidade galega. As axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), dentro do programa operativo Feder Galicia 2007‐ 20013.

A primeira partida, por importe de 60.600 euros, destinouse á reparación das rúas 2 e 4 do Polígono, ambas de titularidade municipal, e á mellora do firme en varias prolongacións e accesos a plantas industriais. Os traballos, xa executados nas últimas semanas, consistiron en reparar o pavimento, en pintar a calzada e no recrecido de arquetas e sumidoiros. A solicitude de fondos para o acondicionamento destes viarios foi realizada conxuntamente pola Asociación de Empresarios e polo Concello de San Cibrao das Viñas.

En canto á segunda axuda recibida, esta cífrase en 72.000 euros e fará posible ampliar e reforzar o sistema de televixilancia no sector principal e no sector C. Despois de catro fases de implantación de cámaras que se completaron até o momento, as dotacións a día de hoxe son un total de 51, a maioría delas equipadas cun sistema de infravermellos para facilitar a visión nocturna e para o recoñecemento de matrículas de vehículos.

E a quinta fase do proxecto de televixilancia, que foi presentado no acto de hoxe, consistirá na instalación de once cámaras adicionais. Todas elas estarán conectadas a un equipo conmutador de rede que se xestionará desde un servidor de control. As obras de instalación acaban de iniciarse e finalizarán no próximo mes de novembro.

Con esta ampliación, a seguridade e o efecto disuasorio multiplicaranse no maior recinto industrial da provincia, grazas á visión de cada cámara en tempo real, desde calquera computador ou dispositivo conectado a Internet. Ademais, o sistema terá capacidade para almacenar imaxes e para enviar alarmas á central operativa.

O presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera, manifestou que as axudas recibidas dentro do plan de mellora dos parques empresariais de Galicia “permítennos cubrir dúas importantes carencias e axúdannos a mellorar dous servizos moi demandados por todos os asociados, por todas as empresas e por todos os traballadores que lle dan vida a esta histórica factoría de produción: a rede viaria e a seguridade nos centros de traballo”.

Sobre a reparación de viarias, Elías Mera expuxo que as tarefas de mantemento “teñen que ser constantes e moi eficaces nun recinto industrial ao que se desprazan diariamente máis de oito mil traballadores, e polo que transitan cada xornada laboral uns 5.000 camións de alta tonelaxe e até 15.000 vehículos lixeiros”.

Xa en referencia á dotación de once cámaras adicionais para reforzar a vixilancia en todo o recinto industrial, lembrou que a Asociación leva tempo demandando unha mellora do servizo “por consideralo clave para a oferta diferenciada deste Polígono. Un parque empresarial con baixos estándares de seguridade estaría condenado á saída de empresas e á paralización de investimentos”, argumentou.

O presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao e o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández Moreiras, coincidiron en agradecer o apoio da Dirección Xeral de Enerxía e Minas ao Polígono e mostraron a súa confianza en que esta liña de colaboración teña continuidade nos próximos anos. O rexedor municipal engadiu que “impulsar a mellora do Polígono equivale a estar á beira de empresas de longa traxectoria que cada día teñen que pugnar por ser máis competitivas”. A visita de Ángel Bernardo Tahoces ao Edificio Multiusos da Asociación de Empresarios completouse cun percorrido polas recentes obras de pavimentación na prolongación da rúa 4 e por varios sectores do Polígono dotados de cámaras de televixilancia.

20 de outubro de 2014 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.