publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Raquel Arias visita as obras de mellora do colexio de Outeiro de Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoOuteiro de Rei
A-
A+
Raquel Arias na visita ao colexio de Outeiro de Rei

Raquel Arias na visita ao colexio de Outeiro de Rei

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe o CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei, no que veñen de iniciarse as obras de reforma e ampliación das instalacións.

Arias, que revisou as obras xunto co alcalde da localidade, José Pardo Lombao, e técnicos da Consellería de Educación, indicou que as actuacións previstas afectan “ás plantas baixas do edificio principal e ao edificio anexo, co fin de dotar ao centro dunhas instalacións adecuadas e necesarias debido ao incremento de alumnos”.

Así, mediante este proxecto, Arias expuxo que se farán efectivas as seguintes reformas: creación dunha aula de infantil no edificio anexo, reforma do acceso ao porche e entrada ao edificio, apertura dunha porta de saída de emerxencia do comedor e a creación dun patio cuberto anexo ao edificio na súa fachada oeste. Nestes traballos, a consellería inviste un presuposto de 78.864,60 euros, segundo explicou Arias.

A representante do Executivo galego na provincia de Lugo valorou positivamente a execución destas obras que supoñen importantes melloras para o colexio e asegurou que a consellería que dirixe Xesús Vázquez amosa así o seu compromiso coa mellora da educación e das instalacións dos centros. A obra fora petición do alcalde do municipio e da comunidade educativa do centro ante unha crecente demanda de nenos e nenas no centro.

A actuación, que está previsto que estea rematada de cara ao inicio do curso, correspóndese coa primeira fase dun proxecto de modernización neste centro para o que o departamento autonómico prevé un orzamento de entorno aos 300.000 euros, segundo explicou a delegada territorial Raquel Arias, e que será executada en sucesivas anualidades.

Estas obras suporán un importante beneficio para a comunidade estudantil e docente deste centro de Outeiro de Rei, que nos últimos anos viu incrementada a súa matrícula ata situarse por riba dos 210 alumnos.

21 de xullo de 2014 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.