publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as obras de pavimentación de catro camiños rurais en Vilaboa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilaboa
A-
A+
Cores Tourís na visita a Vilaboa

Cores Tourís na visita a Vilaboa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o remate dos traballos de pavimentación de 4 camiños rurais no concello de Vilaboa, acompañado do alcalde da localidade, Luis Poceiro, e que se atopan dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Nesta visita estivo acompañado pola xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial de Medio Rural e do Mar, Julia Pérez, así como os representantes da empresa adxudicataria dos traballos.

Trátase de catro camiños que necesitaron aplicar tratamento de adherencia e saldo para aglomerar en quente. Ademais, tamén se aplicaron nas catro obras limpezas de cunetas e varridos dos firmes existentes.

En concreto, melloráronse o camiño situado no lugar de Barciela que da acceso ao cemiterio de Santa Cristina de Cobres; o acceso a casa da cultura de Riomaior; o camiño do lugar de A Boullosa en Figueirido, e a mellora do vieiro de acceso aolugar de Curra en San Adriá de Cobres. Neste último caso, o camiño atopábase en terra, polo que foi necesario facer unha apertura de caixa, limpeza de cunetas, base de macádam de 20 centímetros de espesor para facer tratamento de adherencia e selado previo ao aglomerado en quente. En total, melloráronse 563 metros lineais.

O investimento nesta obra roldou os 60.000 euros, segundo apuntou o delegado territorial, José Manuel Cores Tourís.

“No caso dos concellos de Bueu, Marín e Vilaboa, investiranse ao longo do presente ano un total de 153.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Vilaboa para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de Vilaboa, o investimento en mellora de vías rurais superou os 192.598,82 euros dende ese mesmo ano.

23 de xullo de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.