publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Asínase a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Petín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurensePetín
A-
A+
A conselleira de Medio Ambiente asina a aprobación do PXOM de Petín

A conselleira de Medio Ambiente asina a aprobación do PXOM de Petín

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Petin, Miguel Bautista, a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) deste municipio da Comarca de Valdeorras.

Ethel Vázquez explicou que se trata “dun plan xeral que mellora, amplía e perfecciona notablemente as posibilidades de crecemento do termo municipal que se viña rexendo por unhas normas vixentes desde hai case 30 anos”.

Destacou que se Petín hoxe conclúe un longo camiño na elaboración do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal; para a Xunta significa un novo fito, unha mostra máis de que se avanza polo bo camiño da súa ordenación territorial e que o fai coa coordinación e a cooperación necesarias para acadar un país máis habitable e sostible ambientalmente.

Petín, desde hoxe, únese á lista dos concellos galegos que contan cun planeamento adaptado á lei vixente, 77 en total en Galicia. Nos últimos cinco anos, aprobáronse un total de 42, dos cales 27 pertencen á provincia de Ourense e 3 deles á comarca de Valdeorras (Petín, O Barco de Valdeorras e Vilamartín).

O novo plan xeral clasifica como solo rústico protexido máis do 97% da súa superficie, co que se garante os seus valores físicos e ambientais que en parte tiñan xa o seu reflexo en figuras de protección como LIC do Macizo Central, a contorna do Encoro de San Martiño e 2 áreas de prioritarias de conservación de aves.

O solo de núcleo rural define un 1,3% da superficie municipal (preto de 400.000 m2), onde se recoñecen os 14 núcleos rurais existentes fóra do núcleo urbano, na súa maior parte de natureza tradicional (un 77%), pero tamén recolle algúns de natureza complexa, e fixa 3 núcleos rurais (Santoalla, O Pacio e Aldea) nos que a súa protección se terá que desenvolver mediante un plan especial.

Composición

Sobre outros datos relativos ao proxecto de planeamento destaca o solo urbano, que se limita practicamente a un 1% (323.000 m2) da superficie municipal, que se corresponde todo el o actual núcleo urbano de Petín. A maior parte deste solo urbano é consolidado, onde se establecen específicas ordenanzas de aplicación para o núcleo antigo, residencial de intensidade media, residencial aberta e vivendas sociais.

Tamén, o documento contempla un único ámbito como urbanizable non delimitado, que ocupa un 0,36% da superficie municipal (110.000 m2), para uso industrial na parroquia de Freixido á beira da estrada OU-533, como previsión para o asentamento de futuras actividades. Cómpre resaltar que a capacidade residencial total establecida polo Plan Xeral é de 1.270 vivendas, das que un 59% (749) son as existentes e un 41% (521) as previstas para o futuro.

En relación ás dotacións, o plan xeral incrementa as previsións que marca a Lei no relativo a dotación de espazos libres e zonas verdes, que aumenta nun 11%, e de forma moi especial no que se refire a equipamento comunitario, que con máis de 48.000 m2., chega a multiplicar por 5 as esixencias que impón a normativa.

Novo marco

A conselleira sinalou que a evolución da situación urbanística de Galicia é unha mostra de que a vella concepción de que os plans xerais constituían un impedimento para o desenvolvemento dos concellos e un verdadeiro atranco para o seu crecemento. Engadiu que hoxe apenas ninguén pon en cuestión que unha axeitada planificación urbanística é unha verdadeira necesidade e unha garantía, non só para que os concellos evolucionen, senón que o fagan de forma racional, respectuosa cos seus propios valores de hoxe e asegurando para o futuro os recursos económicos, ambientais, arquitectónicos e paisaxísticos que sosteñen e identifican aos seus habitantes.

Argumentou que con ese convencemento vén traballando a Xunta de Galicia, a través do apoio técnico e económico aos concellos (que no caso de Petín se traduce nunha axuda de 119.000 euros), para contribuír a promover a creación e posta ao día dos planeamentos municipais, e tamén para impulsar as melloras lexislativas e normativas que simplifiquen e faciliten o labor dos concellos para dotarse da súa propia planificación.

Nesa liña, concíbese un texto articulado para unha nova Lei do Solo de Galicia, que se está a ultimar, no que se trata de incorporar as suxestións e recomendación do Ditame dunha Comisión específica constituída no Parlamento de Galicia, na procura de consensuar un novo marco legal que achegue maior axilidade e simplifique o proceso de elaboración dos plans de ordenación municipal.

31 de xullo de 2014 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.