publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente financiará o acondicionamento do vial camiño real que une Oza e Cesuras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOza/Cesuras
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Oza-Cesuras

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Oza-Cesuras

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da comisión xestora de Oza- Cesuras, José Pablo González Cacheiro, ao que lle trasladou que o departamento que dirixe colaborará na mellora das infraestruturas deste municipio. Así, Vázquez Mourelle manifestoulle que a Axencia Galega de Infraestruturas aportará máis de 600.000 euros para o acondicionamento do vial local, coñecido como Camiño Real, que comunica Oza e Cesuras polo interior.

Trátase dun treito de 3,57 quilómetros comprendido entre o PK 1+100 da estrada, no lugar do Sanatorio e a intersección con outra vial local que conecta coa estrada autonómica Betanzos- Límite de provincia- A Golada (AC-840). Con esta actuación ampliaríase a plataforma desde os 4 metros actuais ata un ancho de 6,50 metros, ao tempo que se acometerían melloras nos radios de curvatura nalgunha zona do trazado.

A conselleira recordou que para a execución desta colaboración será necesario asinar un convenio de colaboración, en cuxo texto xa se está a traballar e que se prevé asinar este ano, no que se establezan as condicións, obrigas e responsabilidades de cada administración.

Outro dos puntos abordados na reunión de traballo, foi a mellora da Estación de tratamento de auga potable de Cesuras, unha actuación que dende o Concello sinalaron como prioritaria, para a mellora da calidade da auga de abastecemento. Neste sentido, Augas de Galicia está xa a traballar na redacción do proxecto para a execución das obras, cuxo orzamento estimado é de 300.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente brindou a máxima colaboración ao representante da Administración local para incrementar a calidade de vida e o mantemento e mellora dos equipamentos públicos.

27 de xuño de 2014 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.