publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Área Santiago mantén unha reunión coa directora xeral de Conservación da Natureza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaArzúaBoqueixónLalínMelideO PinoOrosoPadrónRoisSantiago de CompostelaSilledaTouroTrazoVal do DubraVedraVila de Cruces
A-
A+
Reunión do grupo Área Santiago

Reunión do grupo Área Santiago

O grupo promocional Área Santiago mantivo hoxe xuntanza coa directora xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, Verónica Tellado, para presentarlle as iniciativas coas que estes 16 concellos aspiran a converter a pesca nun recurso turístico de primeira orde nos ríos Ulla, Deza e Tambre, que son os que definen o seu territorio. Á reunión con Tellado asistiron, en nome de Área Santiago, a concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis; os concelleiros de A Estrada e Oroso, Oscar Rancaño e Jaime Carneiro, e técnicos dos concellos de Padrón e Santiago, integrantes da comisión de pesca deste grupo de concellos.

O obxectivo da xuntanza coa Consellería de Medio Ambiente é elaborar un plan de acción conxunta para facer da pesca fluvial un recurso turístico dispoñible para os visitantes da área de influencia de Santiago de Compostela. Entre as tarefas que proporá Área Santiago atópanse a promoción deste potencial pesqueiro entre o público especializado, a formación do sector turístico na materia, o aumento de forma racional dos tramos dispoñibles para a pesca sen morte, a axilización das xestións administrativas e a conservación das zonas de ribeira.

Sinatura do convenio e concurso fotográfico

Na súa 21ª asemblea xeral, Área Santiago tamén mantivo para o 15 de xullo a sinatura conxunta da constitución do grupo como entidade xurídica con personalidade propia, segundo explicou aos medios a concelleira de Turismo, Reyes Leis.

Ademais, Área Santiago continuou avanzando na organización nas súas redes sociais do concurso fotográfico deste verán, no que os participantes terán que retratar paisaxes, xentes, festas e outros atractivos dos 16 concellos de Área Santiago. O triplo obxectivo deste concurso, que arrancará a mediados de xullo, será gañar seguidores para as contas en Facebook e Twitter; promocionar a zona cunha acción atractiva tanto para a poboación local como para visitantes nacionais e estranxeiros, e fortalecer o arquivo fotográfico do grupo. As bases serán anunciadas proximamente.

Área Santiago está formada por A Estrada, Arzúa, Boqueixón, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces.

16 de xuño de 2014 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.