publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Demostracións, visitas guiadas e catas na XIV Mostra do Aceite de Quiroga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaQuiroga
A-
A+
Presentación da XIV Mostra de Aceite de Quiroga

Presentación da XIV Mostra de Aceite de Quiroga

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín; o Deputado de Cultura, Mario Outeiro, e o Alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, presentaron, nun acto que tivo lugar esta mañá nos xardíns do Pazo de San Marcos, a XIV Mostra do Aceite de Quiroga, festa de Interese Turístico, que se celebra o vindeiro día 18 neste Concello. O organismo provincial colabora un ano máis no financiamento do evento e pon á súa disposición os medios técnicos e ós profesionais da Fundación TIC.

Deste xeito, a TIC dará difusión coas súas cámaras á Mostra do Aceite, para elaborar un vídeo coas imaxes de todas as actividades que se desenvolvan ó longo da xornada. Este vídeo servirá de promoción do evento no exterior cando se emitan en medios de comunicación e redes sociais. Regina Polín, patroa da Fundación, destacou que, unha vez máis, a Deputación aposta polos produtos autóctonos de calidade, buscando novas canles de venda de xeito que impulsando a actividade das pequenas e medianas empresas da provincia, ó tempo que estes produtos se convirten na mellor carta de presentación da provincia.

Pola súa banda, Mario Outeiro lembrou o pasado do aceite de Galicia, capaz en tempos de facer competencia á produción andaluza de Quiroga. Julio Álvarez, quen agradeceu a colaboración da Deputación para facer posible esta cita, e fixo un percorrido pola historia do aceite no sur de Lugo, froito da variedade do acebuche que, ó parecer, revela unha posible orixe fenicia deste cultivo na provincia.

A pesares de que se trata dunha pequena produción –uns 2.000 ou 3.000 litros-, malia que a boa colleita deste ano elevou a cantidade ata os 30.000 litros, o aceite de Quiroga ofrece un especial sabor, cor e aroma, moi apreciado polos gastrónomos, o que fai deste aceite artesanal un produto delicatessen capaz de acadar altos prezos no mercado pola súa altísima demanda. O seu proceso de elaboración é totalmente artesanal conta con séculos de historia, e os expertos coinciden en destacar que moi probablemente este se remonta ó pasado romano da zona, que conta cun clima idóneo para o cultivo dos olivos. Mostra da importancia que o aceite ten para o Concello de Quiroga é que este forma parte da súa cultura, pervivindo no refraneiro popular.

Programación de actividades

A XIV Mostra do Aceite de Quiroga, que terá como escenario na almazara de Bendilló, ofrecerá ós seus visitantes, a partires das 11:00 horas do día 18, numerosas actividades centradas neste produto, como demostracións en vivo do traballo no muíño, visitas guiadas polos olivares ou catas de aceite. A programación completarase con exposición e venda doutros produtos típicos da zona, como viño e licores; pan; castañas secas; mel ou derivados do porco, así como actuacións de música tradicional.

16 de maio de 2014 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.