publicidade hoxe

As obras de reconstrución da ponte sobre o río Boente contan cun prazo de execución de oito meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArzúaSantiso
A-
A+
Belén do Campo na visita ás obras

Belén do Campo na visita ás obras

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe o concello de Santiso, onde deu conta dos traballos que se están a levar a cabo para reconstruír a coñecida como ponte da Regada, sobre o río Boente, localizada na estrada que une este municipio co de Arzúa. A infraestrutura sufrira graves danos como consecuencia das choivas que afectaron esta zona neste 2013.

Acompañada polos alcaldes de Arzúa, José Luis García, e de Santiso, Manuel Adán, e do xefe territorial do Medio Rural, Antonio Aguión, Do Campo explicou que as obras, que comezaron hai uns días, terán un prazo de execución de oito meses e consistirán na construción dunha nova ponte que libere o leito do río, garanta o seu correcto funcionamento hidráulico e permita a súa execución sen interferir co discorrer do caudal de auga.

A ponte terá un van libre de 15 metros e un ancho de nove. Estas medidas permitirán a instalación dos sistemas de contención necesarios e deixarán un ancho útil que permitirá a creación de dous carrís de 3,5 metros e senllas beiravías de 0,5 metros, de xeito semellante á sección existente na estrada actual. A actuación completarase coa reposición do pavimento con balastro, grava e aglomerado en quente, así como co pintado das liñas de sinalización horizontal.

A reconstrución da ponte permitirá superar o problema que agora afecta aos veciños, obrigados a dar un rodeo de entre 15 e 20 quilómetros para acceder dun concello ao outro, segundo indicou a máxima representante do Executivo autonómico na provincia, que aproveitou a visita para poñer en valor a colaboración institucional que se ten producido neste caso entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e os concellos de Arzúa e Santiso para a sinatura do convenio de colaboración a través do que se están a cofinanciar as obras.

O investimento distribuirase en dúas anualidades
Este convenio suporá un investimento total de 268.890 euros, dos que os concellos asinantes achegan 78.889 euros respectivamente, e a consellería, 111.111 euros, á vez que se fai cargo da execución da obra. O investimento levarase a cabo entre o ano 2013 e o 2014.

A constatación por parte de Medio Rural da existencia dos danos na ponte obxecto da actuación, así como o obxectivo do departamento autonómico de promover o desenvolvemento socioeconómico do territorio e a mellora da calidade de vida no rural xustifican este investimento, dotando a estes municipios das infraestruturas viarias axeitadas.

3 de decembro de 2013 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.