publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Iníciase a construción da residencia con centro de día público en Pedrafita que contará con 48 prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPedrafita do Cebreiro
A-
A+

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, supervisaron este xoves o inicio das obras de construción da residencia con centro de día para a terceira idade deste Concello, unhas instalacións públicas coas que se crearán 20 postos de traballo. Estas obras teñen un prazo de execución dun ano e contan cun orzamento de 1,2 millóns de euros, do total de 15 que ten consignados o organismo lugués para construír unha rede de residencias con centros de día por toda a provincia. O Concello de Pedrafita aporta, pola súa banda, 200.000 euros para a financiación do proxecto, ademais da cesión de parte dos terreos nos que se ubicará esta dotación.

As futuras instalacións de Pedrafita están ubicadas en pleno centro da localidade, ó carón da Casa Consistorial, no espazo ocupado por unha antiga edificación que practicamente non tivo uso e que agora o Concello vén de ceder ó organismo lugués para albergar esta dotación. Estas ofrecerán 24 habitacións que permitirán ofertar ata 48 prazas, posto que estes cuartos poden destinarse tanto a uso individual coma dobre. Coma no resto de residencias e centros de día que contrúe a institución provincial, os usuarios tamén disporán doutras dotacións, como salas de estar, de lectura, de televisión, todas elas de uso común; servizo de lavandería, cociña, enfermería e primeiros auxilios, o que asegura a prestación de amplos servizos de calidade para os usuarios tanto da residencia coma do centro de día. As necesidades de persoal incluirán coidadores sociais; médicos e ATS, que dan cobertura ás 24 horas do día, así como administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza, entre outros, dando estricto cumprimento ó detallado na Lei de Servizos Sociais de Galicia.

Gómez Besteiro ratificou a súa intención de abordar este tema na xuntanza que manterá co Presidente da Xunta, durante a que lle volverá a insistir “na necesidade de que a Xunta se implique con este proxecto e concerte prazas”, malia deixar claro que, de calquera xeito, a Deputación de Lugo seguirá adiante con este proxecto.

Pola súa banda, José Luis Raposo quixo agradecer o compromiso e sensibilidade do Presidente da Deputación coas necesidades dos municipios, que fixo posible que o Concello vaia contar finalmente cunha residencia con centro de día.

Adiante malia a Xunta

O Presidente da Deputación destacou que, pola contra, a Xunta de Galicia está a concertar prazas en centros de iniciativa privada. “A inversión social do goberno autonómico reduciuse en 800 millóns dende a chegada de Núñez Feijóo, pero para investir no sector privado seguen tendo cartos. Son capaces de dicir que nos Orzamentos da Xunta para 2014 ten prioridade o gasto social porque Sanidade, Educación e Benestar baixan menos que o resto”.

O máximo responsable provincial explicou que precisamente esta negativa da Xunta a colaborar concertando prazas, “porque nunca lle pedimos cartos”, é o motivo polo que a Deputación de Lugo, que é a única deputación galega que está a construír unha rede pública centros para maiores, segue a avanzar progresivamente na construción das residencias e centros de día, atendendo á incorporación de novas partidas orzamentarias. “Seguiremos facendo esforzos, porque este é un proxecto ó que nunca renunciaremos”.

Os maiores teñen dereito a servizos de calidade

Gómez Besteiro destacou que “os veciños desta provincia, os nosos maiores, teñen dereito a ter unha cobertura de servizos sociais básicos e de calidade, con independencia de que vivan nas cidades ou no rural”. Estes servizos, tal e como subliñou o Presidente, “ademais de garantir o benestar dos maiores, crean novos empregos en profesións de futuro, coma os vencellados ós servizos sociais, e fixar poboación no rural”.

Malia que a Xunta, que ten as competencias na materia, non considere prioritario á atención á terceira idade “para nós si o son, e por iso estamos a facer, Deputación e Concellos, este esforzo inversor”. O Presidente lembrou os numerosos impedimentos e trabas postas pola Xunta de Galicia ó proxecto de crear unha rede de residencias e centros de día, subliñando que o goberno de Núñez Feijóo, negándose a colaborar no proxecto concertando prazas, “tamén está retrasando o desenvolvemento da nosa provincia. Cada vez que se nega a apoiar esta rede de residencias, négase a crear 400 novos postos de traballos en Lugo”.

30 de outubro de 2013 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.