publicidade hoxe

Portos de Galicia inviste 500.000 euros no porto do Barqueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMañón
A-
A+
José Juan Durán na visita ao peirao do Barqueiro

José Juan Durán na visita ao peirao do Barqueiro

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou esta mañá o peirao do Barqueiro para comprobar o grao de execución das obras de mellora que se están a executar no porto deste municipio coruñés. O presidente do ente público manifestou que “neste momento as obras de mellora do porto están a cumprir os prazos de execución, estando previsto o seu remate a fin deste mes, aínda que poderían rematarse mesmo antes se as condicións do estado do mar o permiten”. Sinalou ademais que “é unha actuación necesaria para o sector profesional que mellorará a operatividade e seguridade do porto”. As obras contan cun investimento de 521.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Esta actuación no peirao de O Barqueiro consiste na remodelación e prolongación do dique exterior, a dragaxe da dársena interior e a colocación dun pantalán con capacidade para 24 embarcacións menores. Tamén se substituirá a actual rampla interior de varada por outra pegada ao exterior da primeira aliñación do dique de abrigo actual. As tarefas de protección das instalacións portuarias culminaranse co establecemento dun dique aboiante para a defensa fronte a ondaxe de vento na bocana de entrada ao porto.

Esta actuación, historicamente solicitada polo sector profesional da zona, mellorará de forma ostensible as características deste porto. Entre os programas de Portos de Galicia figuran accións encamiñadas a mellorar as infraestruturas portuarias, dando prioridade ás peticións levadas a cabo polo sector profesional para, desta maneira, mellorar as condicións de abrigo, calados e zonas de traballo, facilitando así a operatividade e seguridade do porto.

2 de xullo de 2015 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.