As obras de ampliación das instalacións de Sogama en Cerceda serán licitadas este verán
A Consellería de Medio Ambiente licitará este verán as obras de ampliación das instalacións de Sogama, en Cerceda, que poderán estar plenamente operativas en 2017. Segundo informou hoxe Ethel Vázquez, a ampliación consistirá na construción dunha nova planta para a recuperación dos envases contidos no lixo en masa, así como a remodelación da actual nave de reciclaxe tratamento e elaboración de combustible.
Ademais, paralelamente está proxectada unha planta de compostaxe industrial para o tratamento da fracción orgánica, con capacidade para 15.000 toneladas ao ano, situada no vertedoiro controlado de Areosa.
Vázquez explicou que grazas a esta ampliación, unicamente se destinará a vertedoiro o lixo que polas súas características non poida ser reciclado nin valorizado enerxeticamente.
A conselleira de Medio Ambiente realizou este anuncio hoxe no marco da inauguración do curso Xestión sostible dos residuos: alternativas e eficiencia, organizado por Sogama e promovido pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Na inauguración tamén participaron o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, o presidente da Deputación provincial de Ourense, José Manuel Baltar, o director da UIMP de Galicia, Domingo Bello Janeiro, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito.
Ethel Vázquez explicou que estas melloras permitirán diminuír en máis dun 30% a cantidade de residuos que son desviados ao vertedoiro controlado de Areosa, unhas 80.000 toneladas anuais, de acordo coas exixencias comunitarias e na liña dos obxectivos do Plan de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020.
Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor o Plan de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020: “unha folla de ruta que pretende favorecer a transición cara a un patrón económico e social máis sostible; e que se marca como principal obxectivo triplicar, no ano 2020, a taxa de recuperación de materiais”.
Vázquez indicou que Galicia é un referente no tratamento de residuos sólidos urbanos, grazas ao modelo Sogama, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, que centraliza na actualidade o tratamento de residuos urbanos producidos por 295 concellos, xestiona unha media de case 800.000 toneladas anuais, dando cobertura e servizo a arredor de 2,27 millóns de galegos.
Trátase dun modelo de xestión que proporciona aos concellos que así o desexan unha vía para o exercicio da competencia local sobre a xestión dos residuos urbanos ou domésticos, garantindo o mantemento na prestación dun servizo que a práctica totalidade dos municipios demandan.
O modelo medioambiental da Xunta trata tamén de mellorar os sistemas e as tecnoloxías de xestión, para que sexan cada vez máis respectuosos co medio, e permitan avanzar na protección ambiental e na mellora da calidade de vida e do benestar dos nosos cidadáns. “Unha tarefa na que a colaboración e a implicación tanto de concellos como de cidadáns é indispensable”, explicou a conselleira de Medio Ambiente.