publicidade hoxe

A Festa da Troita de Ponte Caldelas estará marcada pola bandeira azul para a praia fluvial da Calzada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPonte Caldelas
A-
A+
Presentación do cartel da Festa da Troita de Ponte Caldelas

Presentación do cartel da Festa da Troita de Ponte Caldelas

A IXL Festa da Troita de Ponte Caldelas estará marcada este ano, segundo o alcalde Perfecto Rodríguez, coa concesión da primeira Bandeira Azul a unha praia fluvial en España, neste caso á da Calzada. Este evento gastronómico, declarado de interese turístico galego e un dos máis antigos de Estado Español terá lugar os días 30 e 31 de maio.

Os organizadores prevén que durante os dous días de celebración deste evento gastronómico o público asistente ás casetas de degustación consuman máis de 800 quilos de troita preparada nas súas diversas modalidades, fundamentalmente fritas e en escabeche. 

Outro dos obxectivos do Concello de Ponte Caldelas é converter esta festa nun motivo de encontro e goce familiar e, para iso, as casetas de degustación porán á venda un lote de troitas, pan e viño a uns prezos populares de tan só 4 euros. No caso de querer levar unha cunca de barro conmemorativa do evento, o prezo será de tan só 5 euros. O horario de apertura das casetas será o sábado de 19 a 22 h. e o domingo de 12 a 14:30 horas e de 19 a 21 horas. 

O programa de festas contempla tamén a presenza de diversas ofertas lúdico-culturais que comeza o propio venres coa inauguración, ás 20 horas no Centro Cultural de Ponte Caldelas, da exposición de tapices de Nieves Echegaray Frade e do certame de corais, ás 21:30 horas no Colexio Cordo Boullosa, no que participarán as agrupacións Coro “Brisa do Mar” de Camariñas (A Coruña), a Coral Polifónica “Acordes” de Bueu, ademais da anfitrioa, a Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas. 

O sábado pola tarde, a celebración festiva continuará coa emisión en directo do programa da TVG “Aquí Galicia”, con entrevistas e reportaxes, para seguir coa actuación musical da Escola de Bailes Tradicionais Trouleada de Ponte Caldelas (ás 19:30 horas na Alameda), o Grupo de Baile Moderno do Colexio Público da Reigosa (ás 20 horas) e o grupo de baile das “Mulleres Rurais Aires do Norte e Olé” (ás 20:30 horas). A verbena do sábado correrá a cargo das orquestras Mosaico e Limón, a partir das 22 horas na Alameda de Ponte Caldelas.

O domingo, actuará desde primeiras horas da mañá a Banda de Música Xuvenil de Barro, que realizará uns pasarrúas e concerto na Alameda. Ás 13 horas procederase á entrega dos trofeos do Campionato de Pesca e á tarde, a partir das 19 horas, porán o fin de festa as actuacións do VIII Festival de Baile, na Alameda, coa participación do grupo folclórico “Os Coribantes de Buchabade”, de Ponte Caldelas, o grupo de baile “Xaldón”, de Corcubión e o grupo A.C.D. Atlántica, de Matamá (Vigo).

DINAMIZACIÓN ECONÓMICA E INCENTIVAR O TURISMO VERDE 

Outro dos obxectivos prioritarios da Festa da Troita, segundo Perfecto Rodríguez, é “reactivar a economía do comercio local de Ponte Caldelas, en especial do sector da hostalaría, que terá tamén coa concesión da primeira Bandeira Azul en España á praia fluvial da Calzada un polo de atracción turística importante que pode contribuír a unha recuperación económica no noso municipio xa que atraen a Ponte Caldelas turistas e visitantes, potenciais consumidores da variada e cualificada oferta comercial e hostaleira do noso municipio. Tamén redunda na aposta deste Concello en fomentar o turismo verde de calidade impulsando iniciativas para que se coñeza a beleza das paraxes que atesoura o noso municipio. Recentemente celebrouse a II BTTROITA, proba sen ánimo competitivo e foise un vehículo ideal para que os amantes do deporte en contacto coa natureza coñecesen as xoias que atesoura o municipio de Ponte Caldelas a través das súas rutas de sendeirismo”.

CONCURSO INTERNACIONAL DE PESCA FLUVIAL: CITA OBRIGADA NO CALENDARIO COMPETITIVO DA EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL

En canto ao Concurso de Pesca Deportiva que se desenvolverá durante os días 30 e 31 de maio nas marxes do río Verdugo, o alcalde de Ponte Caldelas manifestou que o número de inscritos na proba roldará o centenar de espectadores xa que aínda que non está pechado por completo o proceso de inscrición, que finaliza mañá 27 de maio, os datos avanzan que estarán próxima a esa cifra. 

Perfecto Rodríguez sinalou que Ponte Caldelas é cita obrigada para os amantes da pesca de río e sinalou que este evento está presente no calendario dos afeccionados de toda Galicia e norte de Portugal como o demostra a afluencia de pescadores e visitantes da Eurorrexión que fan deste certame un dos máis esperados da tempada e que gaña, cada vez, máis adeptos. 

O rexedor destacou o labor da Delegación de Pontevedra da Federación Galega de Pesca, organizadora do evento deportivo, así como das sociedades de caza e pesca “Verdeseixo”, de Ponte Caldelas e Cotobade, quen colaboran no normal desenvolvemento da proba competitiva. 

COMPROMISO ACTIVO COA SUSTENTABILIDADE: OBXECTIVO DE “RESIDUOS CERO” E FAVORECER A COMPOSTAXE 

Nesta edición, o evento volverá estar caracterizado polo seu compromiso activo en favor da sustentabilidade, a concienciación cidadá e a integración social dos colectivos que habitualmente colaboran con esta festa como os alumnos da Fundación Xoán XXIII. Estas persoas volverán exercer funcións dunha especie de “Axentes Verdes” que axudarán a elevar a concienciación cidadá a favor da conservación e respecto polo medio ambiente. 

Nos últimos anos o Concello de Ponte Caldelas esforzouse por darlle un sinal de compromiso social a esta festa e de calidade ambiental. Así, na caseta de degustación instalado na Alameda, e co obxectivo de producir os menores residuos posibles, volveranse a utilizar pratos, manteis e servilletas de materiais que favorezan o seu posterior conversión en compost, xunto cos residuos orgánicos procedentes da degustación popular de troitas. 

Dentro deste obxectivo de “residuo 0” tamén se instalará na propia Alameda de Ponte Caldelas, un elemento de reciclaxe no que se situarán os distintos tipos de colectores que serán necesarios para reciclar todos os residuos da festa que non se poidan converter en compost. 

A zona de degustación estará iluminada con farois de baixo consumo, con luminarias “tipo LED” co fin de fomentar un maior aforro económico en tempos de crises (con esta medida chéganse a aforrar uns 2.000 euros anuais, aproximadamente) e previr e corrixir, no posible, a contaminación lumínica que puidese producir a propia festa.

26 de maio de 2015 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.