publicidade hoxe

Investiranse máis de 700.000 euros na ampliación da rede de abastecemento en Cospeito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeitoLugo
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia aprobou na súa reunión de hoxe a colaboración técnico-financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co Concello de Cospeito para levar a cabo a segunda fase das obras de infraestruturas hidráulicas neste concello lugués, co obxectivo de ampliar e mellorar a rede de abastecemento existente.

A actuación, que contará cun investimento 709.541 euros, dará continuidade aos traballos executados na primeira fase desta actuación, na cal se construíu unha estación de tratamento de auga potable (ETAP) e un depósito de 1.500 m³, situado en Infesta. Tamén se executou a primeira fase da condución principal. En total, esa primeira fase supuxo un investimento de 1,4 millóns de euros.

A segunda fase, autorizada hoxe polo Consello da Xunta, consistirá no abastecemento das parroquias de Pino (San Martiño), Rioaveso (Santalla), Seixas (San Pedro), Sistallo (San Xoán), Tamoga (San Xiao) e Vilapene (Santa María).

Con estas obras preténdese dotar de servizo de abastecemento axeitado a maioría das parroquias do concello de Cospeito, garantindo unha subministración de auga en calidade e cantidade á poboación.

Tras a aprobación do proxecto no Consello da Xunta, o seguinte paso será licitación das obras no Diario Oficial de Galicia.

Descrición das obras

As obras consistirán principalmente na execución dunha rede en tubaxe de polietileno de alta densidade, formada por unha condución xeral á cal se conectarán catro ramais. Tamén se reforzará o depósito de Feira do Monte, debido a que a captación da cal se alimenta presenta problemas en época estival, polo que se incluirá unha conexión co propio depósito que ten unha capacidade de 1.500m3 e que ofrecerá un caudal constante de 3,5 l/s, equivalente a uns 300 m3/ día (medio depósito).

A condución xeral terá unha lonxitude total de 5.403 m en tubaxe con diferentes diámetros, de 75, 90, 110 e 125 mm. En canto á valvularía disporase de 9 ventosas nos puntos altos do perfil lonxitudinal, 10 desaugadoiros e 3 válvulas de comporta para permitir o seccionamento en tramos de toda a condución.

O ramal 1 discorrerá pola parroquia do Pino e terá unha lonxitude total duns 2.046.25 m, en tubaxe dun diámetro de 50 mm.

O ramal 2 discorre entre a nova rede xeral e o bombeo existente na zona do Monte, e ten unha lonxitude total duns 1.945 mm, en tubaxe, dos cales 28,76 m irán grampados á ponte ao seu paso polo río Támoga.

O ramal 3 proxéctase dende a conexión coa nova rede xeral ata a zona de Vilar de Arriba, cunha lonxitude de 470 m en tubaxe cun diámetro de 63 mm. Desde este punto prolóngase 770,29 m ata a zona de Vilasuso cun diámetro nominal de 40 mm. Para os valores punta de caudal nas zonas máis elevadas resulta necesaria a elevación presión, polo que se instalará un grupo de presión de 0,37 kW.

O ramal 4, corresponde ao tramo dende a conexión coa nova rede xeral ata a zona das Grandavellas, cunha lonxitude de 1.991,45 m con diámetros de 50, 63, 75 e 90 mm. Instalarase tamén a valvularía precisa.

5 de marzo de 2015 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.