publicidade hoxe

A Xunta investiu preto de 300.000 euros na mellora do Auditorio Carmen Estévez de Vilalba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilalba
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ao auditorio de Vilalba

Ethel Vázquez na visita ao auditorio de Vilalba

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisou hoxe o remate das obras de mellora do auditorio Carmen Estévez, unha obra importante de adecuación que supuxo un investimento de case 300.000 euros e que, como subliñou Ethel Vázquez, “pon fin ao problema de filtracións da auga de chuvia”.

A responsable de Medio Ambiente do Executivo autónomo lembrou que “estamos a falar do equipamento público municipal por excelencia que posúe o concello de Vilalba para desenvolver actividades de tipo cultural”, polo que Vázquez destacou que esta actuación “proba o interese e a aposta do Goberno galego por unha infraestrutura que lle vai permitir aos preto de 15.000 veciños deste municipio participar e desfrutar de actividades culturais e de ocio nas mellores condicións no seu propio concello”.

Concretamente, os traballos consistiron na rehabilitación da cuberta e en diversas reparacións interiores, como revestimentos e rehabilitación de falsos teitos, pintura de paredes e vernizado de molduras, entre outros.

Plan Hurbe

A intervención no Auditorio Carmen Estévez é un exemplo máis das actuacións se están a desenvolver a través do Plan Hurbe, que naceu co obxectivo de mellorar os equipamentos de vilas e cidades galegas para que ofrezan cada vez máis posibilidades de desfrute e benestar aos seus habitantes.

Desde a súa posta en marcha, esta iniciativa leva propiciadas máis de 80 actuacións en toda Galicia, ás que a Xunta destinou máis de 92 millóns de euros.

No caso concreto da provincia de Lugo, o Plan Hurbe permitiu a execución de 17 actuacións en 13 concellos, cun investimento por parte do Goberno galego que ascendeu a case 25,8 millóns de euros.

23 de febreiro de 2015 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.