publicidade hoxe

A Mostra da Oportunidade en Expourense dinamizará o período de rebaixas do comercio local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurenseOurense
A-
A+
Presentación da 22ª Mostra da Oportunidade

Presentación da 22ª Mostra da Oportunidade

A Mostra da Oportunidade chega a súa 22ª edición ofrecendo os mellores prezos e vantaxes en milleiros de artigos que converterán a Expourense, entre o venres 30 de xaneiro e o domingo 1 de febreiro, nun gran centro comercial. O comercio é un dos principais motores económicos e sociais da provincia de Ourense e citas como a Mostra contribúen a dinamizar as vendas e a captar novos clientes fora da súa área habitual. De feito, o 70% dos expositores desta edición son de Ourense e comarca.

Esta cita foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que estiveron presentes o presidente do comité executivo de Expourense e da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, o vicepresidente da Federación de Comercio de Ourense, Enrique Gª Boente, a directora adxunta de Expourense, Emma González, e representantes dos centros comerciais abertos de Ourense Centro, Couto Centro e Xinzo. Todos eles coincidiron en destacar que a Mostra é unha cita moi consolidada que conta cun alto índice de fidelidade tanto por parte do expositor (que repite varias edicións) como por parte do público que “reserva sempre unha cantidade da destinada ás rebaixas para investir na Mostra!, tal e como indicou García Boente.

Preséntase unha feira onde se ofrecerán os prezos máis competitivos nunha ducia de sectores. O téxtil volverá ser o sector con maior representación nesta cita, sumando preto do 40% dos expositores entre moda, calzado, pel, lencería, xoiaría, bixutería e complementos. O fogar, con ampla variedade en moble, decoración, descanso ou menaxe ocupa o segundo lugar seguido por outros sectores como a xardinaría, a climatización ou a alimentación.

Centros comerciais

Expourense, en colaboración co asociacionismo, puxo en marcha unha edición máis unha acción especial que favoreceu a participación agrupada das empresas. A Mostra da Oportunidade, feira decana destas características en Galicia, contará coa participación dos Centros Comerciais da provincia de Ourense que viron nesta cita unha excelente ocasión para a liquidación dos seus stocks e para dinamizar as rebaixas de inverno. Estarán presentes as asociacións de Ourense Centro, do Couto, a Asociación de Comerciantes de Allariz, a Asociación de Comerciantes de Xinzo e súmase o Centro Comercial Aberto de O Carballiño, que participa por primeira vez.

Os establecementos asociados contarán cun espazo en feira para ofrecer os seus produtos (téxtil, decoración, alimentación, etc.) a prezos vantaxosos para os milleiros de visitantes que agarda recibir a Mostra da Oportunidade.

35% de desconto en RENFE

Aqueles que se decidan a visitar Ourense en tren para acudir á Mostra da Oportunidade, entre o 30 de xaneiro e o 1 de febreiro, poden beneficiarse dun 35% de desconto en todas as liñas de RENFE, AVANT incluído. Para obter este desconto é preciso presentar o bono que se pode descargar na páxina web de Expourense, www.expourense.org, na sección dedicada a esta cita.

Por outra parte, o público que acuda á Mostra terá a opción de, nunha mesma visita, con comodidade e sen apenas desprazarse, elixir entre moitas propostas de produtos a prezos especiais e, ademais, atopar artigos que non sempre están presentes nas canles habituais de venda.

Para facer máis cómoda a visita, o salón conta cun amplo horario que vai dende as once da mañá ás nove da noite, é dicir, dez horas ininterrompidas os tres días de feira. O prezo de entrada á Mostra será de 1 euro.

A Mostra ofrece ademais un amplo aparcamento gratuíto, animación musical e un área de lecer infantil destinada a gozar dunha xornada de compras en familia. Para premiar a fidelidade do público realizaranse ademais sorteos de estancias en balnearios de Galicia.

27 de xaneiro de 2015 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.