publicidade hoxe

Cores Tourís comproba o avance da concentración parcelaria de Briallos en Portas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPortas
A-
A+
Visita de Cores Tourís a Portas

Visita de Cores Tourís a Portas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Portas para comprobar o remate dos traballos dos camiños da concentración parcelaria da parroquia de Briallos, en compaña do alcalde da localidade, Roberto Vázquez.

Tamén estiveron presentes na visita o xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, a xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez Pacios, e o xerente de Seaga, Pablo Arbones.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra asegurou que o grado de execución destas obras alcanza xa o 100%, cunha lonxitude total de trazas abertas de 14,3 quilómetros, o que supuxo un total de 51 camiños, así como un investimento de 920.746,44 euros na súa rede de infraestruturas rurais.

“Hai que destacar que esta concentración afecta a unha superficie de 300 hectáreas e a 633 propietarios, o que demostra a súa importancia para o municipio”, engadiu, recordando que das máis de 3.200 fincas existentes pasarase a cerca de 900.

En relación a concentración parcelaria, nestes intres atópase en bases definitivas concluíndose os informes sobre os recursos presentados, o que permitirá o seu envío, en breve, á Dirección Xeral para a súa resolución.

“Quero agradecer a colaboración mostrada polo concello de Portas durante a tramitación e execución dos traballos da parcelaria, xa que foi esencial para que hoxe podamos comprobar o remate destes camiños”, matizou Cores Tourís. “Para a Consellería de Medio Rural e do Mar, estas actuacións son prioritarias, o que demostra o seu compromiso con este concello”, explicou o delegado territorial.

Tanto Cores Tourís como o alcalde de Portas destacaron a importancia económica que supón a concentración parcelaria, insistindo no feito de que “o obxectivo último do grande investimento que a Xunta de Galicia está a realizar nesta zona radica en sacar rendibilidade aos terreos a través de novas explotacións que eviten o abandono da terra e a racionalización da produción”.

De feito, o delegado territorial recordou que a concentración de parcelas “é unha forma de facer rendibles estes terreos e non podemos esquecer que esta comarca é unha zona estratéxica para o sector do viñedo, contando con importantes adegas, entre outras, unha das catro cooperativas do Salnés, Viña Almirante”.

9 de xaneiro de 2015 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.