publicidade hoxe

Cores Tourís supervisa as obras de mellora da praza de abastos de Arbo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArboPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na praza de abastos de Arbo

Cores Tourís na praza de abastos de Arbo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña do alcalde de Arbo, Horacio Gil, a praza de abastos da localidade co obxectivo de comprobar o remate das obras que se realizaron neste mercado de cara a súa modernización e renovación. Estiveron tamén acompañados polo xefe de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial Santomé.

O proxecto de Arbo supuxo un investimento de 10.883,88 euros, dos cales 8.054,07 serán aportados pola administración autonómica, “é dicir, o 74% do total”, explicou Cores Tourís. As obras consistiron na demolición dun aseo existente para crear unha zona de reciclaxe, a creación dun novo aseo adaptado para discapacitados, así como a instalación dunha nova porta automática de acceso á praza e a instalación de consignas.

A maiores, tamén se puxeron en marcha actuacións para a dinamización comercial deste mercado a través de mentoring comercial, o aumento da rendibilidade do punto de venta con técnicas de “visual merchandising”, a colocación do produto e a atención ao cliente.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou José Manuel Cores Tourís. “Non podemos esquecer que, para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.

Por estas razóns, segundo matizou o delegado territorial, é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades.

Neste senso, “resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre concellos como, neste caso o de Arbo, e a Consellería de Economía e Industria de cara a acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global aos intereses dos comerciantes e dos propios consumidores, creando así tamén unha rede de mercados de Galicia”, explicou delegado territorial.

A orde da Consellería (do 12 de marzo de 2014) á que se acolleu o concello de Arbo, estableceu as bases reguladoras para a subvención de proxectos municipais co obxectivo de mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.

Tal e como recordou José Manuel Cores Tourís, a Consellería de Economía e Industria resolveu este ano axudas por case 271.000 euros para o impulso de actuacións nas prazas de abastos e no comercio local dos concellos da comarca do Condado Paradanta: Ponteareas, As Neves, Arbo e A Cañiza.

Deste xeito, a Xunta impulsou en 2014 actuacións por un total de 5,5 millóns en toda Galicia destinadas a potenciar os mercados de abastos e a impulsar a competitividade do comercio de proximidade, para os que facilitará axudas por un montante global de 3,8 millóns de euros.

En relación á provincia de Pontevedra, as axudas aportadas pola administración autonómica suponen case 2 millóns de euros (1.925.785,2 euros), facilitando así a execución de obras e melloras que contemplan un investimento total de 2.781.670,2 euros.

11 de decembro de 2014 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.