publicidade hoxe

Baralla e Outeiro de Rei reciben o apoio da Xunta para a xestión de residuos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarallaLocal PortadaLugoOuteiro de Rei
A-
A+

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e os concellos de Baralla e Outeiro de Rei, para a construción dun punto limpo nestes dous municipios da provincia de Lugo.

Estas actuacións enmárcanse no desenvolvemento do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020 e contará cunha achega económica do Goberno galego de 600.000 euros.

O futuro punto limpo de Baralla e de Outeiro de Rei permitirá realizar a xestión de residuos sólidos urbanos ou domésticos que requiran dunha xestión específica polo seu tamaño, natureza ou perigosidade.

Entre os obxectivos fundamentais desta infraestrutura, atópanse os de separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o ambiente ou a saúde; evitar a vertedura incontrolada de entullos e residuos voluminosos como mobles ou electrodomésticos; e facilitar a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe.

No caso de Outeiro de Rei, a parcela está situada na parroquia de Matela dunha extensión de case 7.000 m2 e que na actualidade se dedica ao depósito de plásticos agrícolas.

O punto limpo de Baralla, que beneficiará a preto de 2.000 habitantes, construirase na parte noroeste dun predio da rúa Os Grobos, cunha superficie de máis de 8.000 m2, da que se ocuparán uns 1.300 m2 para a construción do punto limpo.

As obras que se van executar para a construción do punto limpo centraranse no movemento de terras; urbanización e axardinamento; colocación das instalacións xerais; a construción da oficina de recepción, almacén de residuos especiais e depósito para residuos de aparellos eléctricos. Tamén se procederá a executar o peche perimetral e as portas de acceso, así como os contedores e sinalización.

Esta iniciativa estende e reforza a rede de puntos limpos municipais financiados pola Xunta na comunidade galega, que con estas novas infraestruturas contará con case 150 instalacións, das cales 139 están rematadas e cinco en fase de proxecto, licitación e construción.

Obxectivos

Esta actuación permitirá aos máis de 8.000 cidadáns dos concellos de Outeiro de Rei e Baralla realizar o depósito de residuos para a súa posterior separación e clasificación, mellorando a loxística na xestión e posibilitando:

– Evitar a súa vertedura incontrolada e os conseguintes impactos sobre a saúde pública, a paisaxe e o ambiente.

– Facilitar a abaratar os procesos de valorización de residuos (recuperación e reciclaxe), dando cumprimento ás exixencias europeas en materia de xestión de residuos.

– Aproveitar os materiais contidos nos residuos reducindo o consumo de materias primas e recursos naturais.

Situación actual da rede de puntos limpos

A rede deste tipo de infraestruturas que na actualidade existe en Galicia elévase a 139 instalacións de puntos limpos, que dan cobertura e servizo a 223 concellos galegos, é dicir, ao 86,8% da poboación galega.

Desta rede, un total de 27 novos puntos limpos foron construídos desde o ano 2009, e desde outubro de 2012 ata a actualidade, executáronse 14 novos puntos limpos: tres na provincia da Coruña (Porto do Son, Fene-Cabanas e Sada), dous na de Lugo (Cervo e Trabada), seis na provincia de Ourense (O Pereiro de Aguiar, Castro Caldelas, San Cibrao das Viñas, Vilamartín de Valdeorras, O Carballiño e A Veiga), e, por último, outras tres na de Pontevedra (Vila de Cruces, Mos e Nigrán).

A previsión da Xunta é ampliar esta rede de puntos limpos con cinco instalacións máis, que son os de Frades, Baralla, Outeiro de Rei, Lobios e Ponte Caldelas. Nun prazo máis amplo, o novo Plan de xestión de residuos sólidos urbanos prevé que o número de instalacións deste tipo se aproxime ás 300 antes de finais de 2020. O investimento previsto pola Xunta para a creación e xestión de novos puntos limpos, así como o mantemento dos xa existentes, ascende a máis de 21 millóns de euros.O investimento das actuacións en execución ou proxectadas para o vindeiro ano ascende a 1,6 millóns de euros.

4 de decembro de 2014 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.