publicidade hoxe

O CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio é o único centro galego integrado no proxecto ‘Samsung Smart School’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseVilar de Barrio
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director de Cidadanía Corporativa e Relacións Institucionais de Samsung, Francisco Hortigüela, visitaron hoxe o CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio, o único centro educativo de Galicia integrado no proxecto ‘Samsung Smart School’ a proposta do departamento educativo da Xunta. O obxectivo desta iniciativa é impulsar a aprendizaxe do alumnado a través das novas tecnoloxías, centrándose na ruptura da fenda dixital, nos casos de centros que se vexan afectados por circunstancias desfavorables como o feito de estar situado no rural, ter unha alta taxa de abandono educativo temperán ou contar cun entorno económico cunha alta ratio de desemprego.

Neste sentido o conselleiro salientou a importancia deste tipo de proxectos en zonas do rural como este de Vilar de Barrio, na mesma liña na que – no seu día- o Proxecto Abalar apostou por levar as TIC ás aulas dando prioridade ás provincias do interior. “Estamos a falar dun centro plurilingüe, con seccións bilingües e cun auxiliar de conversa estadounidense, que participa en todos os programas innovadores da Consellería, como os contratos-programa, o Abalar, o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE)”. “Centros como este – engadiu- son un claro referente dos grandes pasos que estamos a dar en Galicia para ter un sistema educativo dunha soa velocidade”.

Pola súa parte, Francisco Hortigüela, director de Cidadanía Corporativa e Relacións Institucionais de Samsung, sinalou que “Desde Samsung cremos firmemente nas grandes posibilidades que a tecnoloxía ofrece ao ámbito educativo e que o noso deber como empresa é axudar á sociedade e sobre todo aos que máis o necesitan. Con este proxecto realizado no CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio temos como obxectivo último poder crear unha guía que axude a transformar a educación e a incorporación da tecnoloxía na aula.”

Na súa visita ao centro ambos estiveron acompañados pola directora do mesmo, Manuela Iglesias; polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego.

Durante o percorrido polo CEIP, Vázquez Abad e Hortigüela tiveron a oportunidade de intercambiar cos docentes as súas impresións nestas primeiras semanas de posta en marcha do proxecto, así como de presenciar a actividade das nenas e nenos na aula cos dispositivos electrónicos subministrados.

Dotación tecnolóxica

A dotación do proxecto ‘Samsung Smart School’ para este centro ourensán foi de 50 tabletas, 2 encerados dixitais, 2 carriños de carga e seguridade para as tabletas, e 2 ‘allshare cast’ (dispositivos para proxectar desde a tableta á pantalla wireless). As tabletas levan, así mesmo,incorporados varios software de control de aula (Samsung School) e de seguridade e xestión en remoto (Famoc), cuxa función é a de facilitar a docencia e simplificar a instalación de aplicacións, ademais de servir de capa de seguridade diante do acceso a contidos en liña non axeitados

No desenvolvemento da iniciativa están implicados 48 alumnas e alumnos e 8 profesores, que participaron nun proceso de formación en liña ao efecto do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e noutro presencial impartido por Samsung.

‘Samsung Smart School’ foi deseñado en colaboración co Ministerio de Cultura, Educación y Deporte e implantado en 14 Comunidades Autónomas. A iniciativa desenvolverase durante o curso 2014/2015 e ten previsto chegar a máis de 1.500 alumnas e alumnos e a máis de 200 docentes.

Ao longo do programa mediranse tanto a aceptación e o uso da tecnoloxía como a incorporación de dinámicas colaborativas e o uso de contidos para a elaboración dunha avaliación final da que se extraerán pautas coas que se elaborará unha guía que axude aos centros que desexen incorporar este tipo de tecnoloxía nas súas aulas.

5 de novembro de 2014 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.