publicidade hoxe

O Hospital do Salnés mantén durante os nove primeiros meses do ano unha notable actividade asistencial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilagarcía de Arousa
A-
A+

A xestión integrada entre o Hospital do Salnés, o Complexo Hospitalario de Pontevedra e os centros de saúde arousáns mantivo durante os nove primeiros meses de 2014 unha notable actividade cirúrxica e de consultas no Hospital do Salnés, cuns tempos de espera que manteñen a esta área sanitaria á cabeza de moitos resultados asistenciais, segundo revelan os novos datos feitos públicos pola Administración Sanitaria galega.

A Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés superou, a 30 de setembro, os principais obxectivos fixados pola Consellería de Sanidade para o ano 2014, cun rendemento cirúrxico superior ao 77 % e o funcionamento das vías rápidas de atención ao cancro de mama, colo-rectal, de pulmón e de vexiga, que permiten atender ao paciente con sospeita de padecer estas patoloxías en menos de 15 días. Ademáis, mantén os tempos de espera máis reducidos de todo o sistema sanitario público galego, tanto en demora cirúrxica como en consultas.

Datos globais da área de Xestión Integrada

Os datos globais da área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés revelan que nos nove primeiros meses deste ano realizáronse un total de 19.472 intervencións cirúrxicas hospitalarias -922 máis que no mesmo período de 2013, cando se efectuaron 18.550-.

No que atinxe á estadía media de pacientes atendidos na área de Xestión Integrada nos nove primeiros meses de 2014 atópase nos 5,93 días, prácticamente a mesma que o ano anterior, aínda que aumentou a cifra de ingresos ata os 20.763, 263 máis que en 2013.

Os datos globais da área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés revelan que se atenderon ata o 30 de setembro deste ano 229.949 urxencias -que abranguen tanto as asistencias atendidas nos diversos PAC´s de Atención Primaria coma as urxencias hospitalarias-. Esta cifra de urxencias representa 2.018 atencións máis que no mesmo período de 2013.

O número de consultas externas atendidas na área de Xestión Integrada nos nove primeiros meses deste ano foi de 1.433.808 –cifra que representa un incremento de 94.836 consultas externas máis que no mesmo período do ano 2013-.

Dese total, 1.038.628 foron consultas atendidas nos diversos centros de saúde da área de Xestión Integrada e 395.180 foron consultas hospitalarias.

Nos nove primeiros meses de 2014, nos diversos centros sanitarios da área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés atendéronse cada día unha media de 842 urxencias, realizáronse 105 intervencións cirúrxicas e 7.709 consultas.

Actividade asistencial do Hospital do Salnés

No que atinxe ao Hospital do Salnés, o centro sanitario de Ande-Rubiáns continúa a incidir na xestión das súas demoras, á vez que potenciou a súa actividade sanitaria nos nove primeiros meses do presente ano 2014.

Así, a espera media cirúrxica no Hospital do Salnés para pacientes en Prioridade 1 atópase nos 10 días, cifra que cumpre de novo o compromiso da Consellería de atender aos pacientes máis graves -con patoloxías de Prioridade 1– en menos de 30 días. A demora media cirúrxica global do hospital arousán baixou dos 44 días que había en setembro do ano 2013 ata os 39 actuais.

O número de consultas externas atendidas no Hospital do Salnés nos nove primeiros meses deste ano foi de 65.703, cunha demora media en primeiras consultas de 31 días e de 11 días en primeiras consultas preferentes.

Once especialidades do centro arousán rexistran unha demora media inferior aos 30 días e as de menores tempos de espera son Obstetricia (2 días) Pediatría (0,5 días) e Uroloxía (9,7 días).

Os novos datos de actividade tamén revelan que nos nove primeiros meses deste ano o Hospital do Salnés realizou un total de 3.570 intervencións cirúrxicas.

Alta porcentaxe de intervencións ambulatorias e rendemento cirúrxico

No que atinxe ás intervencións ambulatorias -sen necesidade de ingreso- efectuáronse un total de 2.624, chegando a unha porcentaxe do 73% do total de operacións. O rendemento dos quirófanos do Hospital do Salnés continúa a incrementar a súa porcentaxe de actividade en xornada ordinaria, pasando do 73,6 por cento entre xaneiro e setembro de 2013 ata o actual 77,6% nos nove primeiros meses deste ano.

No que atinxe á estadía media preoperatoria de pacientes, atópase nos 0,5 días. Así mesmo, o centro sanitario de Ande-Rubiáns facultou 3.456 altas hospitalarias, á vez que mantén a estadía media dos pacientes nos 5 días.

O Hospital do Salnés atendeu ata o 30 de setembro do presente ano 26.939 urxencias, cunha media de 98 asistencias deste tipo ao día. Estes datos representan unha leve diminución de actividade con respecto ao mesmo período de 2013, cando se atenderon 27.242 urxencias, cunha media de 99 asistencias ao día.

Xestión satisfactoria da demanda na época estival

Segundo revelan os novos datos da Administración Sanitaria galega, durante os pasados meses de xullo, agosto e setembro deste ano, o Hospital do Salnés xestionou satisfactoriamente a demanda asistencial da comarca, mantendo coa súa planificación estival os seus estándares e garantías de servizo.

Concretamente, o centro sanitario de Ande-Rubiáns mantivo durante os devanditos meses estivais unha media de 27 camas hospitalarias libres -9 camas libres máis que as 18 dispoñibles durante o mesmo período de 2013-.

O Hospital asumiu durante o pasado verán un total de 1.049 ingresos -46 menos que os asumidos no mesmo período de 2013-. Así mesmo, atendéronse 9.083 urxencias -305 menos que o pasado ano- e 20.811 consultas externas -que representaron 627 máis que no verán de 2013-.

No que atinxe á actividade cirúrxica dos pasados meses de xullo, agosto e setembro, o Hospital do Salnés efectuou un total de 966 operacións -que representaron 82 intervencións menos que as efectuadas no mesmo período estival do ano 2013-.

31 de outubro de 2014 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.