publicidade hoxe

Educación investiu máis de 58.000 euros na posta a punto de tres colexios de Ortigueira, Moeche e San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMoecheOrtigueiraSan Sadurniño
A-
A+
Belén do Campo na visita a un dos centros

Belén do Campo na visita a un dos centros

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá varios centros educativos das comarcas do Ortegal e de Ferrolterra para comprobar o resultado das obras de mellora e acondicionamento levadas a cabo nas últimas semanas. Trátase de actuacións realizadas por importe de máis de 58.000 euros nos colexios de Ortigueira, Moeche e San Sadurniño, co fin de poñelos a punto para o inicio do novo curso escolar.

En primeiro lugar, Do Campo percorreu as instalacións do colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) José María Lage, de Ortigueira, xunto co alcalde, Rafael Girón, o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e a súa directora, María Isabel Rodríguez. Alí, o departamento autonómico destinou unha achega de 11.300 euros para acometer a renovación de parte da carpintería exterior, o que permitiu mellorar o illamento do centro.

En Moeche, a consellería proxectou a creación dun baño na área de Infantil e a reparación da caldeira no CEIP de San Ramón, cun investimento de 21.000 euros. Na mesma liña, no Centro Público Integrado (CPI) de San Sadurniño, a intervención consistiu no arranxo da cociña, despois de que o pasado curso se rexistrara un incendio nestas instalacións. Estes traballos supuxeron un custe de preto de 26.000 euros.

Estas melloras executáronse durante o período non lectivo das vacacións de verán, co fin de non interferir no desenvolvemento da actividade académica. Nestes momentos, os traballos atópanse rematados, así como todas aquelas labores destinadas ao acondicionamento e adecuación dos espazos, polo que o vindeiro mércores día 10 de setembro as clases poderán comezar nestes colexios para os máis de 400 alumnos e alumnas matriculados con total normalidade, ao igual que no resto de centros da provincia.

A delegada territorial aproveitou a súa visita a estes centros para agradecerlle aos alcaldes dos tres municipios a cooperación e o traballo realizado desde os seus concellos para sacar adiante estes proxectos, así como á comunidade educativa, “que en todo momento se mostrou disposta a colaborar”. Con estas actuacións, indicou a representante do Goberno galego na provincia, a Xunta “está a dar resposta ás necesidades educativas detectadas nos municipios da provincia, cumprindo o compromiso adquirido cos traballadores e coas AMPAS dos centros, cos que se consensuaron estas medidas”. Na mesma liña, subliñou que “a Xunta seguirá a traballar para avanzar na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.
 

8 de setembro de 2014 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.