publicidade hoxe

Habilítanse 42 quilómetros de accesos ó monte común de máis de 300 veciños da Pobra do Brollón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do BrollónLugo
A-
A+

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, supervisou este venres o resultado das obras que se levaron a cabo para mellorar accesos e camiños nos lugares de Pazos de Veiga; Sáa; A  Pobra do Brollón; Castroncelos; Liñares e Vilachá. Os traballos, solicitados polos veciños da zona, serviron para reabrir 42 quilómetros que conectaban estes núcleos de poboación co monte veciñal en man común. Estes accesos, que se atopaban completamente impracticables, serviron para, por unha banda, facilitarlle ós traballadores forestais da Xunta a posibilidade de acceder dunha maneira rápida e segura ó monte, e por outra, que os veciños poidan facer uso das terras deste monte veciñal. Con estas actuacións, o persoal da Xunta de Galicia, que non repararan na inaccesibilidade desta zona, poden entrar no monte se as circunstancias o precisan. Con estas actuacións a institución provincial continúa na súa liña de recuperación de terras abandonadas, proxecto de axudas á gandeiros e agricultores co fin de mellorar a rendibilidade da terra mediante o aumento da base territorial das explotacións. Ademáis este plan de recuperación axuda a previr incendios e controlar a fauna.

Por outra banda, durante a visita, varios veciños salientaron que “grazas ós novos accesos, os veciños podemos entrar ó monte a traballar as fincas e obter leña, o que nos axuda a aforrar cartos”. Con estas obras 300 lucenses da zona poden acceder a partes do monte ás que antes era imposible entrar. A raíz das melloras, estes veciños teñen unha zona na que poden facer longas camiñatas e reunirse, o que tamén contribúe a mellorar a calidade de vida e pon en valor a riqueza natural da provincia. Outro dos accesos que se melloraron foron ós dun veciño da zona de Sáa, quen non podía acceder á súa explotación, ó seu lugar de traballo debido ó mal estado dos camiños. Despois de recibir e tramitar a solicitude, os traballadores da Deputación reabríronlle o acceso á granxa, á que agora pode acceder sen ningún problema.

46.000 euros

Durante a xornada, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez; acompañada polos veciños integrantes das Asociacións de Canedo; de Arnado de Pacios de Veiga; de Saa e de Liñares San Cosmes, supervisou o remate das obras que a Deputación de Lugo levou a cabo na zona. As actuacións, que contaron cunha inversión de 46.000 euros, consistiron no acondicionamento e ampliación de varios locais sociais; mellora na captación de augas e incluso se recuperou unha fonte pública a través de, entre outros, o Plan de Comunidades Veciñais ou o Plan de Obras e Servizos. Deste xeito, a Deputación ofrécelle a máis de 400 veciños un lugar de reunión preto dos seus fogares. Durante a visita, Méndez salientou que “mellorar as dotacións do rural é un dos piares básicos de actuación da Deputación” e afirmou que “este tipo de actividades reafirman o compromiso de colaboración que ten a institución provincial con todos os Concellos de Lugo”.

5 de setembro de 2014 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.