Moaña disporá de 200.000 euros para a mellora da seguridade viaria na rúa Ramón Cabanillas
O Concello de Moaña disporá de preto de 200.000 euros para executar traballos de mellora da seguridade viaria na rúa Ramón Cabanillas desta localidade.
Así o acordou a Xunta de Goberno da Deputación, que aprobou concederlle 187.447,32 euros para a mellora da capa de rodadura e a sinalización deste vial, no marco do Plan Urxente de Mantemento de Infraestruturas e Servizos, dotado cun total de 33 millóns de euros para os concellos da provincia.
As obras incluirán traballos de saneo, coa escavación e reposición do firme con 20 cm de zahorra artificial e 8 cm de mestura bituminosa en quente, así como rego de imprimación. Posteriormente realizarase un reforzo da capa de rodaxe cunha nova capa de aglomerado en quente.
Finalmente, procederase á sinalización da estrada e ao seu pintado, mellorando así a seguridade tanto para vehículos como para peóns.