publicidade hoxe

A Mostra teatral de Ribadavia cumprirá 30 anos brindando con viño do Ribeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadavia
A-
A+
Europa Press

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) cumprirá 30 anos cun brinde masivo na praza maior de Ribadavia e con viño do Ribeiro, no que participarán público, actores e músicos do espectáculo escénico preparado polo grupo ‘Os da ría’ como clausura do certame, na media noite do día 26 de xullo.

O alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, e o director da MIT Roberto Pascual, deron a coñecer o programa de actuacións e actividades paralelas que ocupasen rúas, prazas e algunha igrexa dende o venres día 18 de xullo ata a media noite do día 26.

No programa inclúese a estrea en España da obra As irmás Macaluso, da directora Enma Dante “recén chegada do festival de Avignon”, segundo detallou Pascual, que se representará o día 20 pola noite no auditorio do castelo, e referiuse, ademais, ao resto das 18 representacións como un lote “con varias estreas no ámbito galego”.

Entre as novidades, sinalou a existencia do curso de teatro a cargo do actor arxentino Roberto Iván Moschner, que ademais intervirá no espectáculo Alemaña, dirixido por Nacho Ciatti, que poderá verse en en auditorio do castelo o día 24. O actor é ademais profesor de actuación e director teatral e impartirá o curso de 16 horas en dúas xornadas dirixidas a todos os interesados en ampliar a súa experimentación escénica.

“En Arxentina contan con nivel teatral moi alto e pareceunos novidoso e axeitado aproveitar que os temos aquí para darlle un novo aliciente á MIT”, concretou Pascual.

HISTORIA DO TEATRO GALEGO

Ente as obras e un concerto musical a cargo de Josito Porto, poderase ver a estrea de dúas películas documentais sobre aspectos diferentes da historia do teatro galego. Así, segundo Pascual, se coñecerá un avance da película de Alfonos Zarauza, sobre os dez anos de ‘Ultranoites non país dous ananos’, da compañía Chévere, con imaxes das representacións e entrevistas a algúns dos seus protagonistas, como Luis Tosar, Miguel de Lira e outros.

Tamén se estreará un documental que, baixo o título ‘O que hai que facer para non ir ou mar’, dirixido por Iago Vázquez, recordará o traballo dos actores Tuto e Mariajo, falecidos, da man da súa filla Uxía. “Trátase dunha viaxe emocional e histórica en compañía dos actores que foron compañeiros de profesión dos seus pais durante 40 anos”, agregou Pascual.

No mesmo marco histórico, o do teatro galego, Pascual explicou que Cándido Pazó terá un premio honorífico por ser representativo da “nova xeración” de Abrente –colectivo teatral nacido en Ribadavia e base de grande parte do teatro galego–. “Pazó é un dos benxamins de Abrente, ese colectivo dos anos 70, e estreitamente ligado sempre a esta mostra teatral, así que cremos que era unha débeda pendente”, manifestou.

O programa comezará a desenvolverse o venres día 19 de xullo ás 20,30 cun concerto no café Son e unha representación de Darío Fo a cargo do Teatro do Vilar, no auditorio do castelo.

Con todo, o acto inaugural oficial será no Concello de Ribadavia, o sábado día 20 de xullo, ás 21,00 horas, e irá seguido da entrega do premio a Pazó, da obra ‘A tempestade’ de William Shakespeare, como coprodución do grupo Voadora e da MIT. Na mesma noite, xa de madrugada, terá lugar a representación de Impreuna do grupo Pistacatro.

9 de xullo de 2014 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.