publicidade hoxe

Xornadas de divulgación da D.O. Monterrei nos centros de formación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonterreiVerín
A-
A+

A Denominación de Orixe Monterrei proxecta novas actuacións nos principais centros de formación de hostalaría, dando así continuidade a un programa formativo que pretende fortalecer o vínculo desta nova denominación e o coñecemento dos seus viños no futuro do sector profesional hostaleiro.

Nas próximas semanas a Denominación de Orixe Monterrei promoverá dúas novas actividades en centros de referencia da formación hostaleira en España. A primeira, terá lugar o vindeiro mércores 30 de abril, esta vez no CIFP Compostela no contexto de celebración dunha xornada de promoción dos viños galegos entre o alumnado do centro, profesorado, así como profesionais da hostalaría na capital galega.

Alí, Monterrei participará nun salón de degustación cun posto no que estarán representadas as súas principais marcas, a fin de favorecer un maior coñecemento das adegas e viños adscritos á denominación, así como trasladar ao sector as peculiaridades e principais características dunha rexión vitivinícola en crecemento que nos últimos tempos avanza no posicionamento da súa marca no panorama nacional e internacional.

O próximo mes, a cita será nun dos centros de maior prestixio no que respecta á formación e investigación gastronómica. Os viños tintos de Monterrei estarán o día 6 de maio no Basque Culinary Center de San Sebastián, grazas á invitación cursada polos propios alumnos para participar na actividade “Cociñando con Chefs”. O encontro versará ao redor da “cultura celta, a terra e as meigas”, e consiste nun taller no que participan 24 alumnos que resultará nunha cea temática dirixida a xornalistas e profesionais do sector. Neste caso, o chef invitado é o galego Pepe Solla.

Son estas dúas novas paradas na ruta polos principais centros de formación, motivadas por unha aposta clara da denominación ante a necesidade de difusión da cultura do viño entre os mozos profesionais, e que este ano centrou a súa acción no ámbito turístico e hostaleiro. Iniciábase este percorrido co seminario-cata impartido no centro CIFP A Granxa (Ponteares), seguido da visita dos alumnos do Máster de Turismo da Universidade de Vigo á Denominación de Orixe Monterrei, que ademais foi madriña dos alumnos do Máster en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, no seu acto de gradación. Pero aínda están programadas novas actividades neste ámbito, como a próxima visita do D.O. Monterrei ao CIFP Paseo das Pontes no que constitúe unha xornada de divulgación da denominación de orixe e os seus viños entre o alumnado.

25 de abril de 2014 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.