publicidade hoxe

O pleno municipal de Frades aprobará mañá a creación da sede electrónica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O pleno municipal de Frades aprobará a creación da sede electrónica do Concello de Frades, a cesión da súa xestión na Deputación da Coruña e a correspondente Ordenanza Municipal de Administración Electrónica na súa sesión ordinaria de mañá martes, 1 de abril, ás 13:30 horas. Unha iniciativa coa que o Concello de Frades “dará o primeiro paso dun proceso que permitirá simplificar todos os procedementos administrativos e facilitarlle aos veciños e veciñas o acceso ao Concello”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey.

Neste sentido, Rey Martínez sinala que “moitos cidadáns fan xa todo tipo de operacións a través da Rede, polo que dende a Administración temos que poñernos ao día xa que os veciños teñen dereito a poder facer estes trámites a través de Internet”. Unha vez que remate o procedemento administrativo preciso para a súa posta en marcha, a sede electrónica municipal estará dispoñible para todos os cidadáns de forma gratuíta e permanente a través da páxina web do Concello de Frades (www.concellodefrades.es).

Trámites en liña

Os veciños e veciñas de Frades terán así acceso directo a diversos servizos: presentación telemática de solicitudes, formulación de suxestións e queixas ante o órgano competente, acceso no seu caso á relación de expedientes do cidadán e aos trámites iniciados de xeito telemático, publicación electrónica de actos e comunicacións no taboleiro de anuncios ou edictos, etc. “A sede electrónica facilitará o acceso dos cidadáns á Administración, aforrando tempo e desprazamentos, e permitíndolles saber de inmediato en que estado están os trámites que presenten”, explica Roberto Rey.

O pleno tamén aprobará a delegación da xestión e a administración desta sede electrónica na Deputación da Coruña por un período de 4 anos prorrogables. Para iso, o Concello de Frades deberá adherirse ao convenio marco de colaboración da entidade provincial, que non implica obriga económica algunha.

31 de marzo de 2014 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.