publicidade hoxe

A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao dará cobertura continuada aos emprendedores da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurenseSan Cibrao das Viñas
A-
A+
Odilo Martiñá na inauguración do programa

Odilo Martiñá na inauguración do programa

O Edificio Multiusos da Asociación de Empresarios de San Cibrao das Viñas viviu hoxe unha intensa xornada, con dobre protagonismo para as actividades vinculadas co apoio a emprendedores e coa seguridade e saúde laboral. O Director Xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, foi o encargado de inaugurar o proxecto “Atrévete” e a aula “Espazo Seguro”, dúas iniciativas do empresariado de San Cibrao que contan co apoio da propia Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

O peche da xornada correu a cargo do presidente da Deputación, Manuel Baltar, cunha intervención na que repasou as novas liñas de colaboración que abriron recentemente a institución provincial e a Asociación de Empresarios de San Cibrao, entre as que destaca o Plan Estratéxico dos parques empresariais ourensáns.

Os actos incluíron ademais o relatorio “Biomecánica h‐Umana: Un novo concepto de prevención integral de TMS non ámbito laboral”, na que interveu como relatora Xavier Alfonso Cornes, director técnico de Umana; e tamén unha sesión práctica do proxecto “Atrévete”, na que César González, impulsor da empresa Contact Comunicación, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia e dedicada a novas tecnoloxías da información, relatou aos asistentes a súa experiencia real sobre emprendimiento. Na presentación da dobre xornada, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, José Elías Mera Martínez, resaltou que o gran desafío deste colectivo para estimular o nacemento de empresas pasa por “implicarnos con cada nova idea até o final”, a través de servizos como a Oficina do Emprendedor, que xa se atopa operativa no Edificio Multiusos do Polígono. Relatou que con esta iniciativa, o maior polo industrial de Ourense prestará acompañamento aos futuros empresarios “durante a etapa máis difícil, é dicir, desde a constitución e o lanzamento do proxecto até a fase da produción e a comercialización”.

José Elías Mera tamén precisou que a Asociación xa vén prestando apoio directo a quince emprendedores desde comezos de marzo, a través da primeira promoción do Proxecto “Atrévete”, da que pode derivar o nacemento de quince empresas ourensás dedicadas á sanidade, turismo, hostalaría, restauración, concienciación ecolóxica, produción artesanal, comercio local e comercio exterior, ou desenvolvemento de aplicacións web e móbiles.

Aula de Seguridade

Pola súa banda, o responsable da comisión de seguridade da Asociación ‐e director de recursos humanos de Faurecia‐, José Manuel González Tizón, describiu a nova experiencia en materia de seguridade e prevención de riscos laborais, a zona “Espazo Seguro”, como “unha aula permanente de medios de protección colectiva e individual, materiais de seguridade e recursos didácticos, coa finalidade clara de mellorar o seu coñecemento entre os empresarios e os traballadores, así como de dotar ás empresas dun espazo práctico para a formación do seu persoal”.

Durante todo o ano, varias dependencias do Edificio Multiusos do Polígono acollen unha completa exposición sobre todo tipo de medios de protección, desde sistemas de detección de incendios e de bloqueo até sinalización, ferramentas e equipamentos específicos, escaleiras portátiles ou elementos seguros para traballos en altura e en lugares confinados. O “Espazo Seguro” está aberto a todos os traballadores e empresarios do Polígono de San Cibrao e ao persoal de institucións e doutras empresas da provincia, a asociacións, a organizacións e a centros docentes.

Plan Estratéxico de Parques Empresariais

A xornada inaugural do programa “Atrévete” e da aula “Espazo Seguro” puxo ademais de manifesto a cooperación existente entre a Deputación Provincial e a Asociación de Empresarios de San Cibrao para impulsar a actividade empresarial na provincia. Manuel Baltar lembrou a importancia de activar o Plan Estratéxico de Parques Empresariais, como aglutinador de información e de requisitos administrativos para axilizar así a implantación de futuros investidores.

A necesidade de ordenar e de pór en marcha unha estratexia común e agrupada para todos os polígonos e parques empresariais da provincia de Ourense foi incluída este ano entre as propostas básicas da Asociación de Empresarios de San Cibrao e captou o rápido apoio da Deputación, que comprometeu desde o primeiro momento toda a colaboración necesaria.

31 de marzo de 2014 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.