publicidade hoxe

Os alumnos de xardinería do obradoiro de emprego ‘Ricra’ reforman a rotonda das Gándaras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

Os alumnos de xardinería que forman parte do obradoiro de emprego ‘Ricra’ financiado pola Xunta e impulsado conxuntamente por Pantón, Sober e O Saviñao, levaron a cabo a reforma integral da rotonda das Gándaras, en Pinol. Na parte central da estrutura colocaron unha escultura de homenaxe ao viticultor a través dunhas mans que abrazan un acio de uvas. Trátase dunha peza resultado dun concurso de cantería organizado con motivo da Feira do Viño de Amandi de hai uns anos.

Na rotonda reflíctese ademais o Río Sil e a olería de Gundivós, entre outros elementos.

No marco do obradoiro os alumnos están a traballar na colocación de novas marquesiñas en diversos lugares como Bolmente, Arxemil, O Toxedo, Anllo, A Pena de Proendos ou Vilachá de Doade. Tamén se prevé a instalacións de mobiliarios urbano en diferentes puntos, así como a posta en valor de diferentes lugares de interese turístico. En concreto, faranse melloras no ámbito do miradoiro de Bolmente, do miradoiro e santuario de Cadeiras, do souto da Tallada, da capela da Virxe dos Ánxeles e dos muíños do regato do Xábrega.

Traballo para 20 desempregados

O departamento autonómico de Traballo e Benestar inviste preto de 178.000 euros (177.668 euros) neste proxecto, no que 20 traballadores desempregados adquiren formación teórica e experiencia laboral nas especialidades de xardinería e montaxe e instalación de construcións de madeira e realizan obras de interese social nos tres concellos.

Os obradoiros están dirixidos a persoas maiores de 18 e teñen unha duración de seis meses, durante os cales os alumnos traballadores perciben un salario e adquiren unha formación teórica e práctica orientada ás demandas reais do mercado laboral.

4 de marzo de 2014 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.