publicidade hoxe

Comezan as obras de reforma integral da rúa Concepción Arenal na Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

As obras de reforma integral da rúa Concepción Arenal na Guarda xa están en marcha. A empresa Obras, Reformas e Saneamentos S. L., está xa a traballar no proxecto de ‘Recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na EP-3401 de acceso ao porto’ que está a desenvolver o Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, as obras durarán uns oito meses e nestas primeiras semanas centraranse na renovación do saneamento, o abastecemento e nas canalizacións de pluviais na praza Avelino Vicente.

No día de hoxe asinouse formalmente a acta de reformulación do proxecto, para logo iniciar os traballos directamente na rúa, co marcado das canalizacións e a instalación da sinalización vertical e horizontal de obra. Nos vindeiros días comezarase a ver maquinaria pesada, xa levantando o firme da praza Avelino Vicente, coa idea de que quede cos servizos instalados, totalmente pavimentada e cos morróns colocados dentro duns dous meses.

A segunda fase de traballo será o treito central da rúa (onde xa non se instalarán novos servizos, xa que os actuais están en bo estado) para posteriormente executar nunha terceira fase a nova praza diante do convento de San Bieito. A intención, segundo dixo Benítez, é ir realizando todas as actuacións mantendo sempre desvíos abertos para que o tráfico poida acceder ao porto, aproveitando as diferentes interseccións coas rúas paralelas.

Quedará para o último mes a colocación de todo o mobiliario urbano (bancos, papeleiras, pérgolas, bancos corridos de cemento), e tamén a plantación de árbores e acondicionamento das zonas verdes. Hai que lembrar que as obras en Concepción Arenal reformarán 8.527,85 metros cadrados de espazo público nunha lonxitude de 670 metros.

A mellora integral da rúa Concepción Arenal, cuxa titularidade pasará da Deputación ao Concello unha vez rematada a obra, busca recuperar o espazo público da rúa para veciñas e veciños deixando claro que a circulación peonil é a principal na estrada, pero fomentando tamén a convivencia co tránsito rodado. Segundo lembra o deputado Uxío Benítez, a nova rúa promoverá os tránsitos peonís cara ao porto creando un espazo de grande calidade urbana que será exemplo de como a Deputación está a implantar na provincia un novo modelo de Mobilidade. “Xa aconteceu en Sanxenxo coa reforma de Luis Rocafort: a nosa prioridade son as persoas e o resultado está á vista, con parabéns da veciñanza e dos turistas”, destacou o nacionalista.

O deputado de Mobilidade volveu destacar que a nova rúa acadará o máximo aproveitamento por parte da cidadanía cando se desenvolva o novo acceso ao porto pola zona sur –que a Xunta debe tramitar como proxecto sectorial– e que permitirían retirar o tráfico pesado do centro da vila.

10 de setembro de 2018 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.