publicidade hoxe

Medio Rural informa ao sector forestal dos avances para simplificar os trámites de aproveitamentos de madeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+

Responsables da Consellería do Medio Rural, encabezados pola secretaria xeral técnica, Carmen Bouso, e o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, reuníronse hoxe en Santiago con representantes da asociación de empresarios da primeira transformación da madeira de Lugo. Esta xuntanza enmárcase na rolda de contactos co sector para darlles conta dos avances no desenvolvemento da lei de implantación de iniciativas empresariais, en concreto no referente ás modificacións no réxime administrativo dos aproveitamentos madeireiros.

Trátase de lograr unha simplificación dos trámites e unha redución dos prazos, para favorecer a actividade do sector forestal, de gran importancia na nosa comunidade autónoma. A Xunta traballa, así, para que os propietarios dos montes poidan executar as talas de forma máis áxil e sen ter que realizar xestións ante distintas administracións.

Con esta finalidade, crearase unha xanela única e telemática, adscrita a Medio Rural, diante da que se presentarán todas as solicitudes de cortas, á marxe das afeccións de dominio público que poidan implicar (augas, estradas, costas ou polo patrimonio cultural ou natural). Deste xeito, será esta consellería a que contacte co resto de departamentos implicados para que emitan os respectivos informes nun prazo máximo de dous meses (ata o de agora os prazos das autorizacións podían prolongarse arredor de medio ano).

Relevancia do sector

Neste encontro os responsables de Medio Rural lembraron a relevancia do sector, que se pon de manifesto con datos como o da facturación conxunta da industria da primeira transformación da madeira (rematantes, serradoiros, taboleiro e pasta) e de segunda transformación (carpintería e moble), que en Galicia rolda os 1.800 millóns de euros anuais.

A industria da madeira e o moble supón o 3,5% do PIB de Galicia. Nunha vintena de comarcas, este sector representa o 25% do emprego industrial. Os postos de traballo xerados estímanse nuns 70.000. Así pois, aproximadamente o 6,6% da poboación activa de Galicia traballa neste eido. Dalgún xeito, arredor do 30% da poboación galega está vinculada ao monte galego a través da industria da madeira, viveiros forestais, administración forestal, centros tecnolóxicos e de investigación, ensino e formación, comercialización dous produtos do monte, etc.

8 de febreiro de 2018 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.