publicidade hoxe

Xunta e Farmamundi colaboran na atención á poboación afectada polos furacáns na República Dominicana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Xunta, en colaboración coa ONGD Farmamundi, activou unha resposta de emerxencia para atender á poboación da República Dominicana afectada polos furacáns Irma e María. O custe da intervención é de 14.634 euros e ten por obxecto prestar asistencia socio-sanitaria, priorizando aos menores de 5 anos, mulleres, embarazadas, lactantes, maiores, enfermos crónicos e persoas con diversidade funcional.

O 5 de setembro, o furacán Irma, de categoría 5 na escala Saffir- Simpson e con récord de velocidade do vento no Atlántico, afectou a varias illas do Caribe. Dúas semanas despois, outro furacán de categoría 5, María, veu a agravar a situación de devastación nas illas caribeñas en xeral e na República Dominicana, en particular. Os altos índices de pobreza e pobreza extrema, a precariedade das condicións de habitabilidade e a mala calidade dos materiais de construción entre outros, son factores que contribúen a agravar os danos ocasionados polas fortes chuvias e os ventos que teñen destruído total ou parcialmente as infraestruturas, vivendas e medios de vida.

Nas primeiras avaliacións rápidas realizadas en terreo polo equipo do socio local, o Movemento socio cultural para os traballadores haitianos, MOSCTHA, definiron coma prioritario o restablecemento de auga potable, xa que está a proliferar o consumo de auga non segura, aumentando o risco para a saúde da poboación. A situación hixiénico sanitaria tamén estase vendo comprometida e con isto, a proliferación de vectores de enfermidades infecto- contaxiosas, sendo necesario garantir o acceso a material hixiénico, desinfectante e á auga potable. Por outro lado ao verse afectados os medios de vida, ten aumentado a seguridade alimentaria e con ela o aumento na incidencia de malnutrición, fundamentalmente en nenos e nenas menores de 5 anos e mulleres embarazadas e lactantes.

A acción deseñada configúrase como unha intervención de resposta inmediata dirixida a paliar as consecuencias mais urxentes do desastre e se articula en torno a dous eixos de intervención enfocados a aumentar a capacidade de resiliencia en saúde para previr enfermidades. Así, articularanse 3 dispositivos móbiles sanitarios para garantir o aceso da poboación afectada á saúde superando as barreiras xeográficas e económicas de aceso á atención sanitaria de urxencia e, distribuiranse Food Items e artigos Non Food Items (acubillo e protección).

Preténdese alcanzar directamente 400 unidades de convivencia, unhas 1.600 persoas, para o que se realizará un proceso de selección atendendo a criterios obxectivos de vulnerabilidade, priorizando aquelas unidades de convivencia con maior presenza de menores de 5 anos, mulleres, embarazadas, lactantes, maiores, enfermos crónicos, e persoas con diversidade funcional.

Colaborando desde 2009

Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos oito convenios de colaboración asinados para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

Estes convenios establecen que as actuacións deben prestar especial énfase aos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia -auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria u outro material de primeira necesidade-, en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano.

Ao longo destes anos de colaboración, a Xunta e Farmamundi teñen activado este tipo de resposta inmediata ante diferentes emerxencias acaecidas, como os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e a República Democrática do Congo, as emerxencias por mor das choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria.

25 de outubro de 2017 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.