publicidade hoxe

A Xunta inviste 1 millón de euros en novos proxectos de mellora de infraestruturas e servizos en Cervo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia realiza un investimento de 1,1 millóns de euros en novos proxectos de mellora de infraestruturas e servizos en Cervo que se desenvolverán nos vindeiros meses.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou hoxe Riocobo e explicou que Augas de Galicia acaba de licitar as obras de renovación da rede de abastecemento da zona por un importe de preto de 200.000 euros. Esta intervención beneficiará a case 400 veciños e implicará a substitución das canalizacións de fibrocemento -instaladas hai 30 anos- por outras novas de polietileno. O prazo de execución dos traballos será de catro meses.

Balseiro sinalou o esforzo que está a realizar a Xunta para mellorar as infraestruturas hidráulicas no municipio, xa que ademais sufraga con 40.000 euros as obras de saneamento no núcleo da Pena, en San Román, e as de Castelo, tamén con preto de 40.000 euros, que permitirán conectar o núcleo de Praza coa estación depuradora e ampliar o servizo que ata o de agora só estaba dispoñible en catro núcleos da parroquia.

Pero ademais, subliñou o delegado, a Xunta financia obras de infraestruturas viarias, como o acondicionamento da Avenida da Mariña, en San Cibrao, que recibe 70.000 euros a través do plan Hurbe; o arranxo de varios camiños ao abeiro do plan Marco (máis de 22.000 euros) e o impulso con 35.900 euros de tres proxectos para o acondicionamento de pistas nas parroquias de San Román e Rúa promovidos pola Asociación de Veciños da rúa Candelaria, a asociación de San Román de Vilaestrofe e a Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras, respectivamente.

Igualmente, o Goberno galego colabora na reforma da carpintería exterior da Casa Consistorial, achegando máis de 39.000 euros; e a través do Fondo de Cooperación Local o concello recibe preto de 208.000 euros que pode destinar ás accións que considere máis oportunas.

Economía e emprego

José Manuel Balseiro destacou que practicamente a metade das achegas aprobadas recentemente polo Goberno galego en Cervo, en concreto 506.000 euros, corresponden a accións de dinamización económica e fomento do emprego financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Así, sufraga con preto de 280.000 euros o obradoiro de emprego que comparte Cervo con Xove e Burela e que botou a andar hai uns días. Pero ademais, apoia con 116.400 euros a organización de catro cursos de formación dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas, para mellorar as súas perspectivas de inserción laboral, e achega máis de 40.000 euros para a contratación por parte do concello dun orientador laboral e de de dúas persoas perceptoras da Risga que reforzan os servizos municipais.

Entre os proxectos de próxima execución no municipio, o delegado lembrou expresamente o investimento para establecer un espazo de emprendemento comercial en Sargadelos, ao que a Xunta destina 70.000 euros e que “outorgará unha nova vitalidade a un conxunto que foi fundamental no devir cultural e económico deste municipio”.

11 de outubro de 2017 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.