publicidade hoxe

A Xunta colabora coas asociacións de Protección Civil que prestan atención aos peregrinos no Camiño de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Pino
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitaron hoxe no Pino a varios dos voluntarios das agrupacións de Protección Civil de Santiago de Compostela e Arzúa que se encargan de atender aos peregrinos que percorren o Camiño de Santiago. No acto tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde do Pino, Manuel Taboada.

Para axudarlles nesta tarefa, o Goberno galego vén de asinar un convenio de colaboración coas 7 agrupacións que se atopan no Camiño Francés (Sarria, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e Santiago de Compostela) co obxectivo de financiar parte dos seus gastos ordinarios, como poden ser a adquisición de material sanitario ou de combustible.

O persoal voluntario encárgase de levar a cabo tarefas vinculadas á seguridade dos peregrinos, e de apoio naqueles casos de necesidades sanitarias. Deste xeito, increméntase a seguridade e garántese unha rápida asistencia en caso de emerxencia.

Entre outros labores, as agrupacións proporcionan información ante fenómenos meteorolóxicos adversos e revisan o estado do Camiño, para comprobar que a sinalización é correcta e que non hai elementos perigosos. Ademais, informan en tempo real ao servizo de emerxencias do 112 das incidencias que se producen e atenden as solicitudes de axuda dos peregrinos.

Así mesmo, as agrupacións comprométense a patrullar nos tramos do Camiño Francés pertencentes ao seu termo municipal ou concellos limítrofes dúas veces ao día, que se corresponden coas horas de maior afluencia de camiñantes de acordo ás experiencias de anos anteriores. Esta función realízase percorrendo os camiño, ou ben establecendo puntos de atención onde sexa máis aconsellable.

Cada vez son máis os peregrinos que se benefician destas accións, pois só no que vai de ano chegaron a Santiago de Compostela preto de 190.000 camiñantes, o que supón unha subida do 8,7% respecto ao ano anterior. A maioría deles son estranxeiros e un 60% percorren o Camiño Francés, no que precisamente desenvólvese a labor dos voluntarios das agrupacións de Protección Civil. Tamén conflúen neste tramo os peregrinos procedentes do Camiño do Norte e do Primitivo, o que incrementa o número total de persoas atendidas.

17 de agosto de 2017 | 14:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.