publicidade hoxe

Xunta e Concello de Foz asinan o convenio para a xestión do fogar residencial e centro de día desta localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal Portada
A-
A+
José Manuel Rey Varela na sinatura do convenio. Foto: M. Fuentes

José Manuel Rey Varela na sinatura do convenio. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre ambas administracións para a xestión do fogar residencial e centro de día deste municipio lucense. A sinatura deste acordo tivo lugar na sede da delegación territorial da Xunta en Ferrol e tamén asistiu o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez.

En virtude deste convenio, a Administración autonómica cede ao Concello de Foz por un período inicial de dous anos prorrogables por outros dous anos máis o uso do inmoble para o servizo de atención ás persoas maiores veciñas tanto desta localidade como de concellos da comarca. Pola súa banda, o ente local asumirá a xestión integral das instalacións a través das diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos vixentes.

A firma deste convenio de cesión, que se produce unha vez que foi aprobado polo pleno da corporación municipal e se conta xa con todos os informes favorables, permitirá a entrada en funcionamento da infraestrutura unha vez que o Concello complete os últimos trámites que son da súa competencia: aprobación do regulamento do servizo e posterior contratación da xestión do mesmo. Deste xeito, Xunta e Concello dan un paso definitivo para a prestación do servizo a persoas sen recursos e con alto grao de dependencia, así como acoller ás persoas maiores que están na actual residencia municipal.

As instalacións teñen unha capacidade total de 40 usuarios de centro de día e outros 40 de fogar residencial e o investimento na súa construción e equipamento ascendeu a 2,3 millóns de euros. O financiamento realizouse nun 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder), e o 20% restante con fondos autonómicos.

31 de xullo de 2017 | 14:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.