publicidade hoxe

O programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” chega aos xardíns da casa da navegación de Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaPontevedra
A-
A+

A Presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Baiona, Ángel Manuel Rodal, e integrantes da corporación municipal, asistirá este xoves 6 de xuño ás 21:30 horas nos Xardíns da Casa da Navegación, a unha nova intervención artística organizada polo programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, da Deputación de Pontevedra, que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra a violencia machista así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade. Nesta ocasión a artista participante será Iria Sobrado, que actuará en Baiona coa súa acción escénica “Titania”.

A carballiñesa Iria Sobrado é unha actriz e performer moi comprometida coa loita pola igualdade e que coa súa obra “Titania” fará reflexionar ós asistentes sobre a violencia física contra as mulleres. Con esta performance, Iria Sobrado irá na busca dunha nova masculinidade que se afaste da concepción antiga eliminando os conceptos de posesión e celos para construír un home que verdadeiramente ame á muller. Sobrado ten experiencia en teatro e performance dende 1999 e a súa carreira coma actriz é dilatada, participando en filmes coma “Diario dun skin”, series coma “Pazo de familia” ou curtametraxes coma “3 millones”. No 2004 Iria Sobrado foi a gañadora do Concurso de Teatro Monte da Condesa e en 2016 recibiu a nominación ós Premios MAX de las Artes Escénicas coa produción teatral galega ‘Raclette’.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta segunda edición do programa deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, e ten previsto recalar ó longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).

5 de xullo de 2017 | 14:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.