publicidade hoxe

Edicións Fervenza participa na Feira do libro de Vigo coa presentación de seis títulos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaVigo
A-
A+
libros-feira-vigo

Títulos que presentará a editorial

Edicións Fervenza acudirá esta fin de semana á Feira do Libro de Vigo, enmarcada no circuíto de Feiras do libro de Galicia, para presentar un total de seis obras representativas das últimas novidades da editorial.

Estas presentacións, abertas ao público en xeral, configúranse como un espazo no que achegar os autores aos lectores, é por iso que, en cada sesión, os asistentes poderán manter unha charla-coloquio cos escritores para analizar a obra e o seu xerme.

Programa

Sábado 1 de xullo 

A xornada do sábado comezará coa presentación, ás 12.00 h, de Gombó e o medo á escuridade, o primeiro álbum ilustrado da colección infantil Gombó. Esta obra, escrita por Ánxela Gracián (Castroverde – Lugo) e ilustrada por Christian Villamide (Lugo), pretende dar resposta aos máis cativos ante os temores que xorden nas idades temperás. 

Xa pola tarde, ás 19.45 h, presentarase Camiños na sombra da autoría de Xian Lois Alcayde Dans (A Coruña) e gañadora do I Premio Concurso “Balbino” de Relatos. Ambientada no rural, esta obra componse de quince historias que percorren as rutas da memoria, o amor e o paso do tempo.

O último libro en presentarse na xornada do sábado, ás 21.15 h, será Travesía Cebola. Diario dunha aprendizaxe, da escritora Eliana Bouzas Collazo (Valga – Pontevedra). Unha obra que se ergue como unha viaxe cara o interior do individuo, no que o proceso de aprendizaxe sobre o mesmo vai evolucionando segundo se van quitando as capas ata deixar ao descuberto o núcleo real. 

Domingo 2 de xullo

O domingo, será unha soa autora a que concentre a actividade, Raquel Castro (Salvaterra de Miño – Pontevedra), quen a partires das 12.00 h, presentará tres títulos, Nº atómico 74 e as obras teatrais A princesa e o labrego e A Carapuchiña pasa da carapucha vermella.

Nº atómico 74 

O nº atómico 74 correspóndese co volframio, mineral que os alemáns viñeron buscar ás minas de Galicia. Naqueles tempos, nos que aquí había alemáns, e nos de agora, coas minas abandonadas, desenvólvese esta novela na que un rapaz, a piques de entrar na adolescencia, descobre o seu pasado, un pasado que será a chave para poder vivir o futuro. 

A Carapuchiña pasa da carapucha vermella 

A quen lle pode gustar que a coñezan pola roupa que leva e non polo seu nome de pía? Xa sabemos que, neste noso país, temos moita teima con poñer alcumes, mais, ás veces, os que os levan non están moi contentos con eles. E, que me dicides do lobo? Botou fama de malo e xa non hai que lla saque do lombo. Por non falar dos tres porquiños…que segundo parece nin eran tres, nin eran porcos, senón porcas. Nesta comedia poderás atopar os personaxes de sempre fartos de tanto prexuízo. 

A princesa e o labrego

Que podemos ser o queiramos na vida sábeo ben Lourenzo, un labrego inconformista que non se vai deixar intimidar á hora de superar as probas, que un anticuado rei lle pon para conseguir a man da súa filla, unha fermosa princesa. Nun tempo no que había reis, princesas, fadas e feiticeiras desenvólvese esta pequena peza teatral na que os personaxes teñen que botarlle imaxinación para conseguir o que desexan.

29 de xuño de 2017 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.