publicidade hoxe

Ángeles Vázquez destaca a importancia da innovación e formación no agro para equilibrar o territorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Ángeles Vázquez no acto da conmemoración dos 50 anos de Enxeñaría Agrícola en Galicia

Ángeles Vázquez no acto da conmemoración dos 50 anos de Enxeñaría Agrícola en Galicia

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe no acto conmemorativo dos 50 anos dos estudos de Enxeñaría Técnica Agrícola en Galicia a importancia tanto da innovación coma da formación para garantir un bo futuro para o agro. A cita celebrouse coincidindo coa festividade de San Isidro Labrador, patrón de agricultores e enxeñeiros agrónomos, e durante a mesma, Ángeles Vázquez declarou que “Galicia vai seguir necesitando da actuación agroforestal para equilibrar e conservar o territorio, para garantir a economía e o futuro, para apoiar a cultura, o turismo, a paisaxe e mesmo a gastronomía”, sinalou Vázquez durante a súa intervención.

A titular de Medio Rural sinalou que para conseguir esas metas é imprescindible contar con profesionais e técnicos preparados e aquí xoga un “papel fundamental” a Escola Politécnica Superior. “O seus 50 anos de experiencia no ámbito da docencia e investigación agraria, teñen convertido esta escola nun dos referentes na xeración de coñecemento nos sectores agrícola, gandeiro e forestal en Galicia e tamén fóra dela”, declarou a conselleira, que felicitou aos seus representantes pola labor que desenvolven, xa que grazas á súa formación contamos con profesionais en todos os ámbitos do agro: empregados públicos, investigación, consultoras, explotacións e industrias…

A conselleira remontouse ás orixes desta formación en España. No curso 1962-63 inaugurouse en Madrid o primeiro edificio da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Agrícola, e só catro anos despois chegou esta formación a Galicia debido ao importante peso económico e social do sector agrario. Dende entón este centro logrou reciclar e modernizar dun modo ou outro a agricultura, a gandaría e o sector forestal en Galicia.

No ámbito da formación, cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta con centros propios especializados en cada ámbito e moitos dos cales tamén colaboran coa Escola Politécnica Superior do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC). É o caso por exemplo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), entre outros.

15 de maio de 2017 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.