publicidade hoxe

A consellería de Cultura celebra o Día das Letras co espectáculo ‘Cantos de poeta’ de Gelria no Gaiás

A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará o Día das Letras no Gaiás co espectáculo ‘Cantos de poeta’ de Gelria. Entre as numerosas homenaxes que as institucións galegas realizarán a Carlos Casares este 17 de maio, a Cidade da Cultura acollerá a partir das 13 horas na Sala Eisenman unha homenaxe aos nosos autores a través da voz e música deste trío musical.

O trío formado por Elena Tarrats, Federico Mosquera e Mario G. Cortizo porán en escena o seu libro-disco ‘Cantos de poeta’, unha experiencia cultural e un percorrido histórico por Galicia a través dos seus principais poetas e versos. Sons tradicionais e de raíz, jazz, clásicos e contemporáneos servirán de base para esta antoloxía musicada da poesía galega que incluirá novas cancións como ‘Amemos’, feita a partir do poema homónimo de Carlos Casares, en homenaxe ao autor a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Xunto coa música e os versos, ‘Cantos de poeta’ conta cunha coidada escenografía e con voces en off que nos guían nesta viaxe polas letras galegas. Ademais, nesta ocasión, Gelria contará coa presenza do músico Pablo Pérez Sanmamed, coñecido por ser o director musical da Banda Crebisnky.

O concerto de Gelria terá lugar o propio 17 de maio a partir das 13 horas na Sala Einsenman da Cidade da Cultura e a entrada será libre ata completar o aforo. E tras o concerto, seguirase celebrando o Día das Letras nun vermú literario cortesía de Petroni.

O simbólico nome do buque holandés no que o poeta rianxeiro Manuel Antonio estivo embarcado nas súas viaxes a América dá nombre a este trío musical que comezou a súa andadura en 2014. Gelria ven de acompañar ao gaiteiro Carlos Núñez durante a súa xira polo 20 aniversario de A irmandade das estrelas. ‘Cantos de poeta’ é o seu primeiro traballo, á venda desde abril do 2016 e que está a piques de chegarás 1.000 copias vendidas.

28 de abril de 2017 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.