publicidade hoxe

A Axencia Galega de Infraestruturas expropiará os terreos necesarios para executar a senda da PO-308 en Poio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPoioPontevedra
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciaron esta mañá en rolda de prensa, a decisión da administración autonómica de levar a cabo a expropiación dos terreos necesarios para a execución da senda da PO-308 ao considerar o proxecto inaplazable.

Deste xeito, a administración autonómica publicou esta mañá no DOG o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de itinerario peonil e ciclista no treito Covelo-Raxó a efectos expropiarios para o impulso dunha obra calificada de “moi necesaria” para a mellora da seguridade viaria neste estrada que enlaza Pontevedra con Sanxenxo.

A senda, que enlazará os quilómetros 8,1 a 11,8 deste vial, atópase incluído dentro do Plan de Sendas sendas peonís e/ou ciclistas da comarca do Salnés que será cofinanciada con Fondos Feder e que ten como finalidade o fomento da mobilidade alternativa, a calidade do aire, da saúde, do patrimonio e do urbanismo.

O prazo para a presentación de alegacións abranguerá dende o próximo luns, día 24 ata o 7 de xuño. En total, veranse afectadas 57 fincas, algunha delas de xeito temporal e outras de xeito definitivo.
Segundo apunto o director da Axencia Galega de Infraestruturas, a Xunta de Galicia tomou a decisión de dar inicio ao expediente expropiatorio desta senda dado o retraso do concello de Poio en entregar os terreos como había sido o seu compromiso inicial.

“No seu día apostamos pola vía da cesión dos terreos ao entendela como a máis rápida para poder executar a obra canto antes, pero dada urxencia social do proxecto tivemos que tomar esta decisión”, explicou Francisco Menéndez.

O custo das expropiacións será de 56.303 euros, mentres o orzamento global da obra será superior os 2,2 millóns de euros, IVE incluído, e permitirá a execución dunha senda de uso peonil e de ciclistas entre a travesía de Samieira, xusto antes da intersección co vial de acceso á praia e porto do Covelo, e ata o final da travesía de Raxó, no punto que comezan as beirarrúas de Dorrón. Trátase dun tramo moi consolidado, con numerosas vivendas e actividade nas marxes e que rexistra un trafico intenso, cunha media de 1.710 vehículos diarios.

A sección tipo da senda contará con 2 metros de ancho mínimo e sepárase da calzada, incluíndo os sistemas de recollida das augas de drenaxe. Previse ademais a extensión dunha capa de rodura no tramo inicial da travesía de Raxó para adecuar a pendente da estrada e facilitar a drenaxe, e a construción de varios muros para a contención de terras e dúas pasarelas de 16,6 metros de lonxitude.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, lamentou que o concello de Poio “se ofrecera a entregar os terreos e incluso dixera ante os representantes da Xunta e os propios medios que algúns xa obraban no seu poder, e que, sen embargo, nunca foran aportados para iniciar esta importante e demandada senda que permitirá gañar en seguridade viaria nesta estrada”.

21 de abril de 2017 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.