Medio Rural traballa nas parcelarias abertas do Páramo para decretar canto antes as zonas
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse co alcalde do Páramo, Gumersindo A. Rodríguez, para analizar a situación actual dos procesos de reestruturación parcelaria que están solicitados neste municipio lugués e poder decretar as zonas canto antes.
Neste senso, están solicitadas catro parcelarias que se corresponden á de San Xoán de Friolfe, Gondrame, Ribas de Miño e San Salvador de Vileiriz-San Estevo de Grallás. A conselleira trasladoulle ao alcalde que a zona máis avanzada é a de San Xoán de Friolfe, que xa conta co estudo de impacto ambiental e ortofotográfico, así como os planos parcelarios e altimétricos, onde se prevé actuar nunha superficie dunhas 900 hectáreas. Así, Ángeles Vázquez manifestoulle o seu compromiso de decretar esta zona nos vindeiros meses para poder contratar a preparación das bases desta concentración.
A titular de Medio Rural manifestoulle a clara aposta do seu departamento en traballar, nos vindeiros catro anos, en todos os procesos abertos de Galicia e que ascenden a un total de 130 zonas. Ademais, indicoulle que tamén se van decretar novas reestruturacións parcelarias visto o interese dos veciños en organizar o territorio, co fin de contar cunha base territorial axeitada para as súas explotacións.
Mellora de camiños municipais
Aproveitando o encontro, ambos portavoces fixeron tamén balance do estado das infraestruturas viarias no municipio. Neste sentido, cabe destacar que a Consellería do Medio Rural investiu algo máis de 60.000 euros a través do Plan Marco 2016 para actuacións nos accesos a Rodriz e no camiño de Piñeiro a Vilasante. Deste xeito preténdese mellorar a calidade de vida dos veciños do entorno facilitando o seus traslados e garantindo a súa seguridade.