publicidade hoxe

Promotores de 15 proxectos empresariais remataron a súa formación no espazo coworking de Cabana de Bergantiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de BergantiñosLocal Portada
A-
A+

O Centro Social de Maiores de Cabana de Bergantiños acollerá mañá, a partir das 10 horas, unha xornada de traballo na que se presentarán algúns dos quince novos proxectos empresariais que completaron o seu proceso de formación e asesoramento ao abeiro da primeira convocatoria do espazo coworking da Costa da Morte.

Os emprendedores que desenvolveron os seus proxectos neste espazo coworking apostaron por actividades a miúdo apoiadas nas TIC e en ámbitos como a artesanía, a industria conserveira, o téxtil, o turismo ou desenvolvemento de maquinaria agrícola, entre outros.

No espazo cedido polo Concello de Cabana no Centro de Maiores, a primeira convocatoria da aceleradora de proxectos emprendedores desenvolveuse desde o pasado mes de setembro, impulsada conxuntamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI).

Os emprendedores seleccionados contaron con servizos de apoio personalizados para desenvolver as súas ideas de negocio e acelerar a posta en marcha das súas empresas. Ata o próximo 13 de marzo está agora aberto o prazo para a solicitude dos emprendedores que desexen participar na segunda convocatoria.

Así, ao abeiro deste marco de colaboración impulsado pola Xunta coa EOI e que conta co apoio do Fondo Social Europeo, os emprendedores da Costa da Morte seguirán dispoñendo de diferentes servizos de formación, asesoramento e aceleración de proxectos, así como de instrumentos de apoio para poñelos en marcha, aos que se poden acoller xa os emprendedores que remataron o seu período formativo.

O obxectivo prioritario das iniciativas de coworking é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio; incrementando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores, neste caso da Costa de Morte, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

No marco desta actuación de aceleración de proxectos empresariais hai espazos de emprendemento abertos en Ferrol, Monforte, Mondoñedo, Celonova, Xinzo e Santiago, ademais de en Cabana de Bergantiños. En cada unha destas sedes haberá outras tres edicións sucesivas que se desenvolverán durante 5 meses cada unha e que poderán acoller, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos proxectos seleccionados para cada edición, un máximo de 22 por cada sede e convocatoria.

Galicia Rural Emprende

Entre os instrumentos habilitados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha de novos proxectos empresariais está o programa Galicia Rural Emprende, dotado con 2,5 millóns de euros e que acaba de ser activado para apoiar a diversificación produtiva mediante actividades non agrícolas, para facilitar a creación de emprego mediante actividades industriais de autónomos, microempresas e pequenas empresas no ámbito rural.

Deste xeito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, prevé impulsar o emprendemento e o emprego no medio rural galego, apoiando novas empresas cunha axuda que poderá acadar un máximo de 70.000 euros.

6 de marzo de 2017 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.