O concelleiro de Seguridade de Tui reunirase cos veciños de Riomuiños para valorar a reordenación viaria feita en Bispo Salvado
O vindeiro luns, 22 de agosto, o concelleiro de Persoal, Seguridade e Mercados, Ramón Magán, reunirase cos veciños de Riomuiños para dar conta da modificación no sentido da circulación na rúa Bispo Salvado. O edil tudense explicará as motivacións, estudos e razón da reordenación da rúa co gallo de mellorar a mobilidade baixo os criterios da seguranza viaria.
A cita terá lugar ás 12:00 no local da Asociación de Veciños de Riomuiños. Dende o Concello prégase a asistencia dos veciños para que trasladen as súas opinións e valoracións do novo trazado, así como novas propostas de reordenación que serán estudadas polo Concello de Tui.