publicidade hoxe

O FICBUEU contará con tres sesións diarias de curtas e distintas actividades paralelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) ofrecerá unha programación máis completa e variada ca nunca na súa novena edición, que se desenvolverá entre o 10 e o 18 de setembro. Conferencias, obradoiros e roteiros son só algunhas das novidades da axenda, canda os tres pases diarios de proxeccións.

Máis de medio cento de curtas de todo o mundo exhibiranse este ano nas seccións Competición, Galicia, Comedia, Animación, Iberoamérica e Panorama, esta última cos mellores traballos internacionais que ficaron fóra de concurso. A estas cómpre sumarlles a Retrospectiva do recoñecido guionista e realizador portugués André Marques e mais a tarde dedicada ás Escolas galegas, na que se visionará unha mostra dos traballos realizados en centros educativos, desde o colexio ata a universidade.

Todas as actividades e proxeccións do programa serán de balde, agás a sección Competición, onde se aboará unha entrada a prezo simbólico que poderá adquirirse con anterioridade, a partir de finais de agosto, a fin de evitar as longas esperas á porta do Centro Social do Mar. Os filmes que compiten no certame poderanse ver de luns a xoves, con sesión dobre ás 20 e ás 22 horas. As seccións paralelas desenvolveranse ás 18 horas e tamén nas fins de semana, incluído o venres.

A programación expandirase asemade ás mañás xa desde o primeiro día, con conferencias sobre os inicios do cine galego ou sobre directores coma Stanley Kubrick, e organizarase un Encontro co actor Celso Bugallo, gañador dun Goya por ‘Mar adentro’. Unha masterclass sobre gravación con cámara réflex ou un relatorio sobre a distribución das curtametraxes completan a axenda, canda roteiros por Cabo Udra ou a bordo de embarcacións tradicionais en colaboración coa asociación Os Galos.

Do mesmo xeito, continúa aberto o prazo para inscribirse online no obradoiro de curtas dirixido a mocidade de 14 a 18 anos, así como para apuntarse ao equipo de voluntariado do FICBUEU 2016. A información detallada sobre o festival pode consultarse na web www.ficbueu.com e mais a través das redes sociais Facebook e Twitter.

18 de agosto de 2016 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.