publicidade hoxe

A Xunta destaca en Marín a colaboración coa Fundación Xoán XXIII para a mellora do emprego das persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Marín os traballos de xardinería que na Finca de Briz desenvolve o persoal do Centro Especial de Emprego da Fundación Xoán XXIII, onde destacou a aposta da Xunta pola formación e o emprego de calidade no colectivo de persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

Toca salientou a colaboración da Xunta coa Fundación Xoán XXIII, unha cooperación da que indicou que é “un exemplo da aposta por unha cultura da integración que implica o traballo conxunto tanto das administracións como das empresas e da sociedade civil”.

A secretaria xeral sinalou que o emprego inclusivo é unha das prioridades da Axenda 20 para o Emprego, unha folla de ruta coa que o Goberno galego está a promover a estabilidade e a calidade no mercado laboral. “Queremos poñer o acento nas capacidades e habilidades das persoas e, para iso, a Administración conta con diversas ferramentas”, apuntou Toca, ao tempo que sinalou a importancia de preparar ás persoas con discapacidade cara aos novos perfís profesionais que está requirindo o mercado laboral.

Neste senso, indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 25 millóns de euros para apoiar a integración e mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade a través de diversos programas como o Aprol de incentivos á contratación, as lanzadeiras de emprego para o fomento do emprendemento e autoemprego e as axudas ás empresas de inserción laboral e para a contratación de desempregados en risco de exclusión social.

Por último, Toca resaltou que nesta aposta da Xunta polo emprego inclusivo son fundamentais os centros especias de emprego que o Goberno galego está a respaldar impulsando a posta en marcha e mantemento das súas instalacións e axudándolles a afrontar os custes salariais dos seus traballadores e traballadoras.

23 de xuño de 2016 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.