publicidade hoxe

A Consellería de Cultura celebrará na Cidade da Cultura o Día da Música coa actuación da Orquestra de Jazz de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará o Día da Música no Museo Centro Gaiás o vindeiro 18 de xuño ás 21 horas coa actuación gratuíta da Orquestra de Jazz de Galicia, que interpretará os temas do seu primeiro traballo discográfico: Fame.

A Cidade da Cultura adiántase, así, ao Día da Música, que se celebra en todo o mundo o 21 de xuño, aunando nun mesmo concerto música tradicional e contemporánea da man da Orquestra de Jazz de Galicia. Formada por algúns dos máis importantes músicos da escena galega actual no eido do jazz, a música sinfónica e a música tradicional, a Orquestra de Jazz de Galicia traerá ao Gaiás temas populares galegos que chegaron a nós pola tradición oral e que dialogarán sobre o escenario coa música improvisada contemporánea.

Entre as xoias das que o público poderá gozar esa noitiña no Gaiás figura O toque de chifre de Faramontaos, rexistrada en 1952 polo musicólogo estadounidense Alan Lomax nunha aldea de Ourense, e que será interpretada de novo en Galicia máis de medio século despois de que Mailes Davis e Gil Evanson a convertirsen na mundialmente coñecida The Pan Piper.

O concerto, que terá lugar o 21 de xuño ás 21 horas, é de balde. Para asistir só hai que retirar invitación no mostrador do Museo Centro Gaiás (máximo: dúas por persoa) a partir deste venres, 27 de maio. De martes a domingo, en horario de 10 a 20 horas.

Reunión de músicos excepcionais

A Orquestra de Jazz de Galicia, formada por unha trintena de músicos, é un proxecto de máxima excelencia, único e novidoso, que proxecta a música tradicional galega baixo a influencia doutros estilos como o jazz, o folk, a música clásica e a contemporánea; o que lle valeu o Premio Martín Códax da Música 2016 ao Mellor Proxecto Galego de Jazz e Músicas Improvisadas.

A súa música transita entre a sofisticación do arranxo e a tímbrica orquestral e a beleza núa e desprovista do artificio dunhas melodías que reflicten a profundidade da música tradicional do noroeste peninsular a partir de diversos traballos de campo.

O seu primeiro disco, Fame, foi gravado ao vivo os días 17 e 18 de xaneiro do 2015 no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. O seu repertorio está formado por músicas tradicionais galegas con arranxos de Pedro Lamas e Roberto Somoza, que tamén se encargou da orquestración e a dirección. Fame recibiu o galardón ao Mellor Disco polos Premios Opinión da Música de Raíz 2016, na que tamén foron galardoados Roberto Somoza e Pedro Lamas como Mellor Artista en candidatura conxunta.

26 de maio de 2016 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.