publicidade hoxe

Cores Tourís visita dúas explotacións en Vila de Cruces e Dozón postas en marcha por emprendedoras menores de 25 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDozónVila de Cruces
A-
A+
Cores Tourís na visita á explotación de Vila de Cruces

Cores Tourís na visita á explotación de Vila de Cruces

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá os concellos de Vila de Cruces e Dozón para coñecer dúas explotacións de vacas de leite que obtiveron axudas grazas á liña de apoio aos agricultores mozos coa que conta a Consellería do Medio Rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). O responsable territorial aproveitou a visita para anunciar a nova orde de axudas que conta cun orzamento global de 57,5 millóns de euros.

Na visita que realizou a Vila de Cruces, o delegado territorial estivo acompañado polo alcalde da localidade, Jesús Otero, polo xefe territorial de Medio Rural, Miguel Dubois, e pola dona da explotación, Rocío Manteiga.

Tal e como explicou a propia gandeira ao delegado territorial, o obxectivo da subvención que recibiu en 2015 por parte de Medio Rural, e que ascendeu a case 24.000 euros, foi levar a cabo a reforma dunha vivenda da explotación e a construción dun silo de penso, investimento que roldou os 27.500 euros. Esta explotación conta con 74 cabezas de vacas de leite que xeran 545.000 litros ao ano e está situada no lugar de Pazos, na parroquia de Oirós.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, puxo esta iniciativa como exemplo dos novos emprendedores que apostan polo medio rural, “tendo especial mérito que esteamos a falar dunha moza que aposta por continuar a traballar e vivir nun concello do interior potenciando a actividade herdada dos seus maiores, a gandería”.

Tamén fixo a mesma apreciación ao visitar outra granxa de gando vacún en Dozón, no lugar de Amoedo, na parroquia de Saa, que recibiu tamén unha axuda a través da mesma liña grazas a incorporación a explotación gandeira dunha moza menor de 25 anos.

Neste caso, grazas a esta axuda, que ascendeu a 22.000 euros, a empresaria puido comprar maquinaria para o muxido vacún das 33 cabezas de gando con que conta a granxa.

Recordou Cores Tourís que as subvencións as que se acolleu esta nova explotación teñen por obxectivo “fomentar a modernización e ampliación das instalacións agrogandeiras de Pontevedra e impulsar a incorporación de mozos ao medio rural”, e recordou que a liña de axudas estará aberta ata o 2 de abril para aqueles mozos e mozas que desexen acollerse á mesma.

En 2015 outorgáronse 13 axudas destas características na demarcación territorial de Pontevedra para novos agricultores e gandeiros en Meis, Cuntis, Dozón, Forcarei, Meaño, A Lama, Rodeiro, Silleda, Tui, Vila de Cruces e Vilaboa, o que supuxo un investimento global de 321.373 euros.

Pola súa banda, a alcaldesa da localidade agradeceu o traballo “desta veciña, que demostra que con iniciativa e ganas pódese vivir do campo, un sector moi importante no interior da provincia”.

Aposta pola modernización do sector

José Manuel Cores Tourís aproveitou a visita para recordar que a Consellería do Medio Rural abriu este ano unha nova orde con tres liñas de axudas que conta cun orzamento global de 57,5 millóns de euros. “Isto evidencia”, segundo matizou o delegado territorial, “o importante esforzo e o compromiso do Executivo galego para promover a modernización do sector tanto no ámbito persoal como no referente a instalacións e loxística”, destacando que con estas achegas “actúase de xeito importante na modernización das instalacións do sector agrícola”, promovendo desta maneira “o desenvolvemento da actividade económica no rural da provincia”.

A nova orde de axudas destina 36 millóns de euros para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, 18 para a creación de empresas para os agricultores novos, e 3,5 millóns para o desenvolvemento de pequenas explotacións. “Animamos a todos os empresarios do agro e tamén aos novos emprendedores que aposten por este sector a que se animen a solicitar estas axudas”, explicou Cores Tourís, recordando que o prazo de presentación de proxectos comezou o pasado 18 deste mes e rematará o 18 de marzo.

“Dende a Consellería do Medio Rural preténdese que esta norma sexa unha ferramenta máis para velar por que as explotacións de Galicia cumpran as normas mínimas en materia de medio ambiente, hixiene e benestar dos animais e que, de acordo ás directrices da normativa comunitaria, teñan unha implementación axeitada os preceptos de aforro enerxético, uso eficiente dos recursos hídricos e investimentos en novas tecnoloxías que permitan reducir as emisións de CO2 e amoníaco”, matizou o delegado territorial.

Investimentos nas explotacións agrícolas

No caso das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, requírese ser titular dunha explotación agraria inscrita no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia e levar a cabo un plan que mellore o rendemento global da explotación. Priorizaranse ás explotacións que, entre outras características, incorporen ou teñan incorporado nos 5 últimos anos un agricultor mozo, as que creen novas unidades de traballo agrario, as que presenten solicitude de axuda para proxectos innovadores ou integrados, as que teñan a condición de explotación prioritaria, as explotacións de montaña e ecolóxicas e ás de titularidade compartida.

A axuda será dun 40% dos custes elixibles, incrementables ata un máximo do 80%. O investimento executarase e xustificarase nun prazo de 18 meses dende a súa aprobación. O orzamento destinado para esta medida é de 36 millóns de euros.

Incorporación de mozos

As axudas para a creación de empresas para os agricultores mozos está destinada a aquelas persoas que, habendo cumprido os 18 anos e non chegando aos 41, desexen crear ou incorporarse a unha actividade agraria e acaden a capacitación profesional suficiente.

Concederáselles para este fin unha axuda repartida en dous tramos cunha contía básica de 20.000 euros, ampliables ata os 70.000 euros, que estará supeditada ao cumprimento dun Plan Empresarial presentado polo mozo no que quede acreditada a viabilidade da explotación na que se incorpora. O orzamento previsto para esta medida é de 18 millóns de euros.

O mozo deberá ter iniciadas as actuacións contempladas no Plan Empresarial nos 9 meses seguintes á notificación da concesión da axuda e completalas nun prazo total de 24 meses dende a súa instalación.

Existen catro modalidades de incorporación que son: a titularidade exclusiva, a cotitularidade dunha explotación agraria prioritaria, a integración como socio nunha entidade asociativa ou o acceso mediante titularidade compartida. Priorizarase, entre outras, simultanear a realización dun proxecto apoiado con investimentos nas explotacións agrícolas, instalarse a tempo completo, a localización en zonas desfavorecidas de montaña, crear emprego adicional ou crear unha explotación ecolóxica ou mediante un proxecto innovador.

Desenvolvemento de pequenas explotacións

As axudas para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que tamén está supeditada á execución dun plan empresarial cunha duración de 18 meses dende a aprobación da axuda, está destinada aos titulares de pequenas explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia que teñan a capacitación profesional suficiente, residan na comarca na que radique a explotación ou nunha limítrofe e, sendo maiores de idade, non teñan acadado a idade de xubilación.

A explotación requirirá, como mínimo, dun volume de traballo equivalente á metade dunha UTA imputable ao titular e manterase a lo menos os 5 anos posteriores ao pago final da axuda. Priorizaranse as explotacións cunha orientación produtiva principal hortícola ou frutícola, que sexan ecolóxicas e que estean situadas en zonas desfavorecidas. O orzamento previsto para esta medida é de 3,5 millóns de euros.

30 de marzo de 2016 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.